Cinema Galego

Alén da "zona de confort"

por Manolo González

A comezos do século, a “zona de confort” do audiovisual galego determinaba o estilo e forma do xénero documental. Os requisitos do financiamento (Xunta) e distribución (TVG) prescribían temas e estilos narrativos, sendo moi poucos quen ousaron transitar fóra do marco institucional; a súa visibilidade era nula e quimérica a posibilidade de obter algún tipo de apoio financeiro. O sistema non favorecía a emerxencia de olladas propias nin na produción nin na distribución, polo que o estilo mainstream do documental televisivo homoxeneizou a produción galega durante os últimos quince años, isto é, producir documentais para manter “abertas as instalacións” e seguir producindo en función das circunstancias emanadas pola conxuntura política de cada momento na “zona de confort”: A lóxica da empresa contra a lóxica do filme. Unha tendencia non só galega como se analizaba no francés Manifesto dos 13: “Pasouse dunha lóxica onde a empresa de produción existía porque desenvolvía proxectos específicos, a unha lóxica onde a rendibilidade da sociedade prima ata inducir a mesma necesidade de producir, simplemente para vivir como empresa”. O resultado está á vista: a produción documental dos últimos trinta anos (desde o nacemento da TVG) -agás algunhas pezas de videocreación dos 80 o 90- fixeron crer a público, medios de comunicación e produtores que un documental era “iso”: unha narración televisada de “liña clara” independentemente de temas máis ou menos interesantes para públicos determinados. Fóra desta zona de confort, o frío era intenso; só algúns destemidos como por exemplo Alberte Pagán se atrevían a internarse en territorios inexplorados, ante a indiferenza xeral.

Porén, nos últimos seis anos, ao amparo da democratización da produción dixital e a súa capacidade de distribución planetaria pola rede, emerxeu un “mundo paralelo” ao industrial que animou a novos creadores a producir individualmente propostas que dialogaban de ti a ti con proxectos similares de creadores noutras culturas do mundo. No seu momento (2006), a extinta Axencia Audiovisual Galega entendeu a existencia deste caldo de cultivo de autores emerxentes que pretendían desenvolver proxectos á marxe dos corsés da zona de confort industrial e nos que primaba a creación sobre os domesticados intereses do mercado. As axudas públicas ao talento en curtos e longas encarnaron a primeira oportunidade de traballar cunhas condicións de mínimos. Aínda recordo o discurso de pensamento único do audiovisual galego e as furibundas críticas dalgúns produtores autóctonos pola instauración de medidas de apoio á marxe do sistema oficial, por estimular exploracións fóra da súa “zona de confort”: “tirar os diñeiro público”, “non crean industria”, “morralla”, “artistadas de autores egocéntricos”, “esas peliculitas non se verán en ningures e non servirán `para nada”, etc... Porén, os pequenos filmes avalados pola liña do talento conseguiron máis recoñecemento internacional en prestixiosos festivais do mundo que a produción mainstream subvencionada -sen apenas relevancia industrial ou artística-, aínda que segue a resultar insólita a indiferenza do mundo cultural e mediático, alleos á transcendencia do fenómeno para a cultura contemporánea de Galicia.

Este novo documental é heteroxéneo e polimorfo, como corresponde á súa propia idiosincrasia: documental de creación, cinema non reconciliado, cinema de non ficción, mutacións… Se cadra o único cemento que relacione os seus creadores sexa a súa aposta rotunda por unha ollada persoal e intransferible sobre os temas que abordan, algúns deles tamén favoritos de escritores da cultura galega do século XX: a paisaxe, o mundo rural, a emigración, a memoria, o devalar do tempo… Son en definitiva temas sempiternos mais cunha relevante carga de subxectividade persoal e producidos na periferia da industria audiovisual convencional ou a cultura oficial, inxectándolles aire fresco, diverxente, arriscado, en suma contemporáneo, marcando amais unha renovación xeracional que aínda non conseguiu a relevancia que merece. Cada autor explora o seu camiño libremente, á marxe de calquera interese comercial e o filme epicentro ao redor do que todo se articula, sen dogmas, estándares, modelos de produción ou canons preestablecidos. Os seus relatos son híbridos e mestizos, a ficción coquetea co documental e viceversa, poñendo en cuestión o tradicional punto de vista da obxectividade do xénero. Así pois, a creación devén de novo a converterse en exploración e procura fóra da zona de confort.

É un camiño que aínda non se consolidou entre nós, mais o tempo xoga ao seu favor nunha época na que a crise sistémica audiovisual puxo en cuestión todas as certezas do modelo dominante. Do mesmo modo que na fin da era secundaria, os dinosauros morren, mais os pequenos mamíferos sobreviven. Parece que asistimos a un proceso inevitable que nos libera do hexemónico patrón clásico e coloca o autor diante do que pretende contar cos recursos dos que dispón. Ao xeito de Bresson: A facultade de aproveitar os meus recursos diminúe cando o seu número aumenta.

Ao longo da súa traxectoria Play-Doc converteuse nunha marca referencial para os amadores de territorios alén da zona de confort, unha cita imprescindible de celebración, encontro e aprendizaxe. A Galicia do futuro vén camiñando con este vento. Celebremos, pois con orgullo este acontecemento e compartamos os descubrimentos dos viaxeiros e exploradores libres da sempre sorprendente realidade.

Zona de confort é un construto psicolóxico que describe o espazo físico, psicolóxico ou emocional onde nos sentimos seguros e “cómodos” co noso modo de vida actual. O individuo non idea novos horizontes ou riscos e tende a confundir a súa percepción da realidade coa da propia realidade.