A obra de Lech Kowaslki, formado na School of Visual Arts de Nova York e fortemente influenciado polos pioneiros do cinema verité Shirley Clarke e Tom Reichman, reflicte máis de tres décadas de contracultura. Esmoleiros, prostitutas, Ionquis, estrelas do rock e demais outsiders son retratados nas súas películas, que falan do drama humano e da loita daqueles que viven nas marxes da sociedade.

Considerado como o Werner Herzog do underground norteamericano e galardoado en numerosos festivais como Locarno, Venecia, IDFA ou Sundance, Kowalski é autor de películas de culto como Dead on Arrival (D.O.A.) que segue a xira apocalíptica dos míticos Sex Pistols por America reflectindo a caída de toda unha subcultura, ou de Born to Lose: The Last Rock ‘n’ Roll Movie que retrata ao músico Ionqui e proto-punk Johnny Thunders (New York Dolls).

Lech Kowalski estivo en Play-Doc en 2008 para presentar a súa triloxía The Fabulous Art of Surviving e ofrecer unha clase maxistral. Nesta ocasión Play-Doc, que segue a pista dos seus directores favoritos, tráeo de novo para presentar a súa última película The End of the World Begins With One Lie e o seu fascinante proxecto online Camera War.

«Con ambos os dous traballos exploro as imaxes e os sons coma se se tratásen de noticias, como unha forma alternativa de mirar a actualidade e o que ocorre ao meu redor. Os dous son moi subxectivos. Trato de traballar fora do típico contexto do cinema e a TV. Ao mesmo tempo penso nestes proxectos como diarios persoais onde plasmo as ideas que teño sobre o que acontece no mundo.

A pesar de amar o cinema, creo que dalgunha maneira este perdeu a súa esencia. Quizais entramos nunha etapa na que unha película non é tanto unha peza cultural como un produto de consumo. Como consumidores queremos cousas, e o cinema forma parte de todo este proceso. Con Camera War e The End of the World Begins With One Lie o que quería era escapar de toda esta febre consumista».

LECH KOWALSKI
2011
LECH KOWALSKI
2010