LAXE E ROSENBLATT, GAÑADORES DE PLAY-DOC 2011
Todos vós sodes capitáns e The D Train levan os premios de mellor longa e curta respectivamente nunha edición que pecha con 5.200 espectadores.
Tui. 3 de abril de 2011. Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, pechou a súa sétima edición cun acto de clausura no que os seus directores, Ángel Sánchez e Sara García, quixeron salientar as súas boas cifras de 5.200 espectadores nun ano que foi difícil sacar adiante e onde "un público fiel é o soporte do festival". A media de espectadores por sesión foi de 250, manténdose a tendencia ascendente, tendo en conta que o número de sesións foi menor este ano.

Eles mesmos foron os encargados de ler a acta do xurado internacional, composto polos especialistas Veton Nurkollari, María Campaña Ramia e Artur Liebhart, que decidiron outorgar o premio á mellor longametraxe, valorado en 5.000 euros, a Oliver Laxe por Todos vós sodes capitáns. Segundo o xurado, o director galego devolveulles "a esperanza no cinema como ferramenta para o diálogo entre seres humanos" e salientan da película a súa fidelidade "a un concepto cinematográfico" que Laxe manexa con valentía e sensibilidade para permitir "que a realidade interveña, facendo desta película unha pequena obra mestra con múltiples capas". O director agradeceu o premio a un festival que vén confiando nel dende os inicios da súa carreira e quixo enviar a seguinte mensaxe: "Dedícollo á policía".

Pola súa banda, o premio para a mellor curta, con 2.000 euros acompañando o trofeo, foi para Jay Rosenblatt por The D Train por "conducirnos durante cinco minutos por unha viaxe a través da vida, liviá no seu sentir e profunda no seu significado". O realizador norteamericano non estaba presente no acto, pero enviou unha mensaxe por video-conferencia que se proxectou antes de que o Cuarteto Caramuxo pechase o acto tocando algúns dos seus temas máis coñecidos, que mesturan varias técnicas da tradición popular con novos sons.

Rosenblatt, visiblemente emocionado, lamentou "non poder estar en Tui para recoller o premio", unha vila que adora e coñece ben debido á retrospectiva que se lle fixo o ano pasado e que bota de menos, engadiu. Agradecendo o galardón á organización do festival e ao xurado, non quixo despedirse sen dicir "comede moitos pementos de padrón á miña saúde", alimento que lle encanta e sempre pide cando visita Galicia. Finalmente, o xurado decidiu engadir no palmarés unha mención especial a The Arbor, da británica Clio Barnard, por "cuestionar as nosas nocións sobre o cinema", referíndose á capacidade da cinta para dinamitar as fronteiras entre ficción e documental.


Máis información en www.play-doc.com.

CONTACTO:
prensa@play-doc.com
tlf. 686876029