LECH KOWALSKI ESTREA EN ESPAÑA O SEU ÚLTIMO FILME
The End of The World Begins With One Lie é un ataque á industria petroleira ao redor do verquido de crú da multinacional BP o pasado ano nas costas de Luisiana.
Tui. 2 de abril de 2011. Lech Kowalski, que xa visitou Play-Doc no 2008 para presentar a súa triloxía 'The Fabulous Art of Surviving', aterrou hoxe en Tui para presentar a estrea en España do seu último traballo, The End of the World Begins with One Lie. O director norteamericano é un dos máis importantes do noso tempo. Formado na escola do cinéma verité e icona do underground, ten retratado a importantes artistas punk coma os Sex Pistols en Dead On Arrival (D.O.A.), un dos seus filmes máis populares.

Na súa última obra deconstrúe e reinterpreta o clásico de 1948 de Robert Flaherty Louisiana Story para denunciar o verquido de petróleo da BP que tivo lugar en 2010 no Golfo de México. Kowalski explicou sobre o filme que en realidade non é para el unha película, senón "cine-graffiti", porque "pintas enriba dun filme previo, escribes nel e bótalo a perder no contexto histórico". Ademais, a peza está feita a base de gravacións da pantalla do seu ordenador, o que escapa dos modelos de produción tradicionais. "A pesar de amar o cinema, creo que dalgunha maneira este perdeu a súa esencia. Quizais entramos nunha etapa na que unha película non é tanto unha peza cultural como un produto de consumo", reflexionaba Kowalski na presentación, por iso aquí quixo "escapar de toda esa febre consumista" e buscar novas maneiras de facer cinema.

Este cineasta underground e inconformista cuxa filmografía cobre trinta anos de marxinalidade e contracultura presentará tamén mañá Camera War, un proxecto online e interactivo a modo de 'guerrilla visual', co que a través dunha serie de capítulos independentes entre si fala da nova orde mundial e desafía á industria cinematográfica cunha nova forma de producir e ver películas. Nelas intenta "fuxir do típico concepto do cinema e a TV".

"Ao mesmo tempo penso nestes proxectos como diarios persoais onde plasmo as ideas que teño sobre o que acontece no mundo", indicou. Tamén, Camera War explora "as imaxes e os sons coma se se tratasen de noticias, como unha forma alternativa de examinar actualidade e o que ocorre ao meu redor", algo tamén presente na longa The End of The World Begins With One Lie, dicía hoxe Kowalski. Sobre o método de traballo, indicou que gravaba o máis rápido posible, por impulso, para se achegar á arte do pintor ou do músico e escapar dos métodos de produción tradicionais.


Máis información en www.play-doc.com.

CONTACTO:
prensa@play-doc.com
tlf. 686876029