Fundada por Christophe (Chryde) Abric en setembro de 2003, La Blogothèque foi creada inicialmente como o vehículo idóneo para transmitir os coñecementos, o interese e a paixón, de Chryde pola música independente. Desde entón La Blogothèque non deixou de crecer, non só como concepto senón como un espazo virtual capaz de almacenar ao redor de 400 vídeos exclusivos, máis de 4.000 artigos, e dando a benvida a máis de 11.000 visitantes ao día.
Ademais de entrevistas exclusivas, La Blogothèque ofrece semanalmente una das propostas audiovisuais máis interesantes dos últimos tempos: Les Concerts à Emporter ou Concertos para Levar nos que un artista ou un grupo é convidado a tocar en directo. Un bar, a rúa, un parque, un ascensor, ou un taxi, son os escenarios elixidos para gravar estes “videoclips documentais” que dalgunha maneira revolucionaron a maneira en que se filma a música, tanto é así, que recoñecidas figuras como REM, Tom Jones, Arcade Fire, Beirut, Yo la Tengo e moitos máis tamén participaron na experiencia.
O primeiro destes Concertos para Levar rodouse no norte de Paris en abril de 2006 coa banda norteamericana The Spinto Band. Chryde e o seu compañeiro, o realizador Vincent Moon, buscaban a maneira de mostrar aos artistas tocando fóra dos seus contextos habituais e situalos en escenarios da vida cotiá, cos incidentes e as casualidades dun encontro en aparencia improvisado. Sen montaxes de vídeo edulcorados, cun son cru, capturando o instante, e filmando a música tal e como soa, sen preparación previa e sen artificios.
Play-Doc 2010 contará coa presenza de Chryde, fundador de La Blogothèque, quen nos falará en primeira persoa desta interesante proposta audiovisual.