VOLVER
A PINTURA E A ESCULTURA CONVIVEN CO CINEMA EN PLAY-DOC 2010
A sexta edición do Festival Internacional de Documental de Tui pasa dous filmes que xiran en torno ao pintor Antón Lamazares e o escultor Manolo Paz.
Os artistas galegos virán presentar dúas importantes exposicións con pezas seleccionadas por eles mesmos especialmente para a ocasión.

O Festival Internacional de Documental de Tui prepara do 17 ao 21 de marzo dúas exposicións dos artistas galegos Antón Lamazares e Manolo Paz. Estas poderanse ver durante o festival, que presenta desta volta 29 títulos e dous concertos que subliñan o carácter multidisciplinar desta cita.

Na sección de Documentais Galegos estrearase o filme  Horizonte sen dono, que confía na palabra de Antón Lamazares para cimentar un discurso que fala da orixe dos impulsos creativos. O documental de Nayra e Javier Sanz Fuentes grava conversas do pintor con amigos, familiares e outros artistas sen fixar un rumbo, polo simple pracer de escoitar, práctica que se foi perdendo nunha sociedade especialmente tecnolóxica, como critica Lamazares coa súa obra.

Aproximación ben distinta é a que propón Un mar de pedra, de Manu Paz e Xacobo Sanmartín, que retrata unha das figuras máis relevantes da escultura na Galicia dos últimos trinta anos, Manolo Paz. A cinta segue todo o proceso creativo do autor de Cambados, explicando que relación mantén este coa pedra, o seu principal material de traballo.

O poder do signo e o vínculo coa terra, dúas das ideas máis presentes nas pezas de Paz, son algúns dos temas que trata esta película de abstracta beleza, nun exercicio no que a cámara segue o día a día do personaxe na execución do que o apaixona, facer arte cun cincel.

Non só de documentais vive este festival
Antón Lamazares, o que fora un dos máximos representantes de Atlántica, imprescindible asociación cultural dos anos 80 que desembocou na vaga máis sólida da arte en Galicia, prepara diante da cámara unha retrospectiva que pensa levar a Budapest.

Sete dos cadros que aparecen no filme Horizontes sen dono estarán presentes na exposición que Play-Doc lle dedica ao autor. Estas pezas realizan un percorrido pola traxectoria artística do pintor, que presta unha coidadosa e meditada atención cara a memoria, a importancia das cousas humildes, o paso do tempo ou o valor da mirada contemplativa. Todas estas cuestións poden apreciarse nunhas obras nas que o cartón, “superficie humilde por antonomasia”, e a verniz, “material pictórico practicamente imperceptible”, adquiren o maior protagonismo.

Doutra banda, a exposición do escultor Manolo Paz constará de tres obras de grande formato situadas ao aire libre diante da sede do festival. O creador dos famosos Menhires da Paz, situados no campo da rata na Coruña (preto da Torre de Hércules), rende homenaxe con este conxunto ao seu benquerido Cambados.

Máis información na páxina web do festival www.play-doc.com

Contacto: prensa@play-doc.com
Tlf. 650073408 / 986607161