Os afeccionados ao cinema de todo o mundo teñen unha cita ineludible do 17 ao 21 de marzo en Tui. O festival internacional de documental desta localidade pontevedresa prepara dúas retrospectivas de dous dos autores máis influíntes das últimas décadas.
O norteamericano Jay Rosenblatt visita Tui por segunda vez logo de ter participado o ano pasado a concurso con Beginning Filmmaking. Presentará desta volta un total de dez pezas que realizan un percorrido por unha carreira marcada pola técnica do collage.
A combinación de tomas persoais con material rescatado de bibliotecas ou de arquivo, iso que no argot fílmico se denomina found footage (metraxe atopada, literalmente), centra o discurso destas pezas, moi na tradición do cinema-ensaio de Jean-Luc Godard e Chris Marker.
Así, o realizador reflexiona sobre as diferentes facetas da condición humana, sempre cun estilo arriscado, comprometido, evocador e dunha grande forza psicolóxica.
Grazas á súa inconfundible ollada, Jay Rosenblatt ten sido galardoado con preto de cen premios en festivais como Sundance e recibido bolsas de fundacións como a Rockefeller ou a Guggenheim. Licenciado en Psicoloxía, combina a súa produción artística impartindo clases no San Francisco Art Institute.
Raymond Depardon, da fotografía ao cinema con éxito
O francés Raymond Depardon é un dos nomes clave no cinema do real contemporáneo dos últimos trinta anos, un dos poucos artistas que ten transitado da imaxe estática ao movemento conservando a súa pegada autoral intacta.
Popular polas súas fotografías das guerras de Alxeria ou de Vietnam, presenta tamén unha filmografía extensa na que cunha ollada silenciosa, enigmática e inescrutable logra retratar colectivos tan diversos coma o dos tolos de San Clemente ou o día a día dos policías de París en Faits divers.
Estes dous filmes pasaranse xunto a outros tres nunha intensa retrospectiva que intenta capturar a esencia dunha filmografía que xa anda polos corenta títulos.
Máis información na páxina web do festival www.play-doc.com.
Contacto: prensa@play-doc.com
Tlf. 650073408 / 986607161 |