Noticias

Vídeo artistas galegos encherán de imaxes en movemento o centro histórico da cidade de Tui

9 Set 2020
intro

O festival propón unha visita guiada pola cidade, unha experiencia onde o cinema, o espazo público e os espectadores dialogarán a través dun percorrido nocturno por algúns lugares emblemáticos de Tui

A Igrexa de Santo Domingo ou o cárcere vello de Tui acollerán as propostas destes artistas converténdose en parte das súas obras

Prazas dispoñibles en ENTERTICKET

O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que terá lugar na cidade de Tui do 23 ao 27 de setembro, presenta unha atractiva programación paralela a súa décimo sexta edición contribuíndo a afianzar o festival como un punto de encontro artístico interdisciplinar.

Baixo o nome de Cinema-Percorridos. Noite á deriva, Play-Doc convídanos a coñecer Tui desde unha nova mirada, a de cinco videoartistas galegos que baixo a dirección da curadora Xisela Franco intervirán a zona monumental de Tui, convertendo a urbe nun espazo de cinema ao aire libre e en movemento, provocando novas asociacións e interaccións inusitadas entre diferentes instalacións audiovisuais e os lugares onde estas son proxectadas. Exploraremos así novas formas narrativas, coa liberdade que ofrece a creación en directo e o documental expandido, gozándoas fora do espazo pechado dunha sala e convertendo este percorrido nocturno nunha experiencia fascinante.

Adrián Canoura, Laura Iturralde, Roi Fernandez, Bego M Santiago e Miriam Rodríguez, son os artistas elixidos para a ocasión, representantes dun cinema de vangarda galego sempre en ebulición. Ademais de material propio, estes cinco talentos utilizarán nas súas obras filmacións caseiras en super 8 gravadas nos anos 60, 70 e 80, por habitantes de Tui, dixitalizadas en Play-Doc 2018 por La Cinematográfica e cedidas polas familias para esta re-apropiación artística.

O percorrido comezará coa proposta de Roi Fernández na Igrexa de Santo Domingo para reflexionar sobre as pegadas que imos deixando no camiño, tras el, o grupo dirixirase ao lavadoiro da Mariña onde a artista visual Miriam Rodríguez evocará a través de sons e proxeccións sobre a auga da súa pila a vida dos lavadoiros como punto de encontro para as mulleres que alí acudían. A experiencia continuará na Praza de Frómista onde a artista, escenógrafa e iluminadora Laura Iturralde propón unha instalación audiovisual de gran formato onde multitude de ollos seguirán ao espectador conectando esta idea cos “policías de balcón” que xurdiron durante o confinamento. O cárcere vello  de Tui acollerá a videoinstalación de Bego M. Santiago, artista visual, que reflexiona sobre a evolución xeracional das familias. Por último, será a quenda de Adrián Canoura, que converterá o patio interior do cárcere vellonun faiado multimedia, onde xogará coas imaxes dunha metraxe fílmico antigo mesturándoo coas tendencias audiovisuais contemporáneas.

A pesar de proceder de diversas formacións, desde o cinema experimental ou o videoarte, a música, as artes visuais, ata as artes escénicas ou performativas, estas creadoras e creadores galegos, comparten elementos en común como o uso do proxector e a experimentación coas imaxes, a luz, o espazo e o tempo.

Este percorrido terá lugar o venres 25 de setembro, as visitas estarán restrinxidas a grupos de 25 persoas que sairán en horarios graduados desde a Glorieta de Vigo en Tui (xunto ao monumento aos Cabalos) e as reservas deberán facerse mediante a compra de entrada anticipada, cada praza ten un custo de 5€. Na web do festival pódese reservar desde hoxe mesmo seguindo esta ligazón.

Share

Facebook Twitter Pinterest