Noticias

Tradición e vangarda únense na programación musical de Play-Doc 2020

3 Set 2020
laura-lamontagne

Baiuca e Laura LaMontagne & Picoamperio, presentarán propostas audiovisuais e sonoras que combinan presente e futuro de música tradicional galega

Entradas xa á venda en ENTERTICKET

 O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que terá lugar na cidade de Tui do 23 ao 27 de setembro, presenta unha atractiva programación musical para a súa decimosexta edición. Os concertos en colaboración con SON Estrella Galicia contribuirán a afianzar o festival como un punto de encontro artístico interdisciplinar.

Nesta edición poderase gozar de dúas propostas que conxugan á perfección a música e o audiovisual, Laura LaMontagne & PicoAmperio estarán na inauguración e o sábado será o momento de Baiuca. Ambas propostas comparten o seu vinculo coa tradición musical galega dende un punto de vista de modernización e mestura con novas tendencias conseguindo vincular tradición e vangarda.

Laura LaMontagne & PicoAmperio serán os encargados de abrir o festival o vindeiro mércores 23 de setembro ás 20.30 h na Praza do Pracer. No seu primeiro proxecto xuntos, abordan campos musicais diferentes que oscilan entre a tradición galego-portuguesa das “cantigas de amigo”, ritmos electrónicos e ambentes íntimos provocados pola evolución de superficies de loops musicais. Poesía propia e adaptacións de Rosalía de Castro, Lorca, Pessoa, Martín Codax mesturando a tradición, a realidade maquinal e a tecnolóxica para contar historias.

O sábado 26 ás 23.00 h, tamén na Praza do Pracer, chegará o momento de Baiuca, proxecto capitaneado por Alex Casanova onde consegue combinar o máis avanzado e vangardista da música electrónica e as raíces máis salvaxes e puras da súa Galicia natal. No seu concerto, estará acompañado por un show audiovisual a cargo do videoartista Adrián Canoura, un dos novos talentos do cinema experimental galego, que proxectará imaxes con motivos galegos tomadas por el mesmo ou recuperadas de material de arquivo, utilizando en directo os seus sintetizadores de imaxe, logrando unha experiencia audiovisual única e irrepetible.

Play-Doc é moito máis que un festival de cinema. Estes concertos súmanse a unha longa lista de recoñecidos artistas nacionais e internacionais que, en edicións anteriores, formaron parte da programación musical do festival. Desde Joan as Police Woman ata Mad Professor pasando por Morphine, The Rosenberg Trio, Dead Combo, Lles Deuxluxes, Siniestro Total ou Rubblebuckets. Así como bandas menos coñecidas de músicos talentosos polos que o festival apostou e que resultaron ser marabillosos descubrimentos.

As entradas xa están dispoñibles en ENTERTICKET. Ambos os concertos celebraranse na Praza do Pracer respectando en todo momento as medidas de seguridade impostas pola situación sanitaria e garantindo a seguridade de artistas, público e equipo do festival.

Play-Doc Festival é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21, Agadic, Deputación de Pontevedra, Concello de Tui, Estrella Galicia, Gadis, AC/E Acción Cultural Española, e outras entidades públicas e privadas.

 

 

 

Laura LaMontagne & Picoamperio

Mércores 23 de setembro
20.30h
Praza do Pracer
Prezo: 7 €
Preme aquí para mercar a lúa entrada

 

Baiuca
Sábado 26 de setembro
23.00h
Praza do Pracer
Prezo: 14 €
Preme aquí para mercar a túa entrada

Share

Facebook Twitter Pinterest