The Wrong Revolution

A REVOLUCIÓN EQUIVOCADA

Por Jake Perlin

«O mundo enteiro está a velo!». Este foi o berro de guerra dos manifestantes na Convención Demócrata de 1968 en Chicago, que pretendía dirixirse aos espectadores que vían a violenta represión a través da televisión. Un reclamo contra o goberno e a policía para lembrarlles que ningunha persoa razoable toleraba que aqueles con cascos e porras mallasen a estudantes desarmados, e que lles estaban observando, xulgando e condenando. Un berro lanzado para avergoñar. Moitos nin se senten avergoñados.

Así que, por cada estadounidense que se avergoñaba polo derramamento de sangue, outro consentíao, e como queira que elixisen chamalo para cubrirse, xa fose «maioría silenciosa» ou «lei e orde», o temor contiña unha crenza fundamental, tal como Jelani Cobb identificou claramente nun artigo da revista New Yorker en 2016, titulado «Donald Trump, Chicago e o aprendido de 1968»: «os resentimentos latentes dos brancos que xurdiron a finais da década de 1960, motivados pola crenza de que o goberno federal se convertera nunha ferramenta de redistribución de riqueza ás mans das comunidades afroamericanas e latinas». Foi entón, a finais desta década, cando un mozo neoiorquino, promotor inmobiliario e en formación para converterse nun capitalista sen escrúpulos, cumpriu a maioría de idade.

A pouca educación afectiva de Donald Trump débese a unha nenez antiurbana moi singular, durante unha época específica: a Nova York dos anos 70 do gobernador Nelson Rockefeller e dun observable liberalismo desenfreado. Unha época na que aqueles que loitaran tanto comezaban a esquecer as loitas dos demais, a deshumanización acelerada cara a calquera que necesitase axuda, e o establecemento de políticas creadas coa intención de manter a certos grupos no máis baixo da sociedade estadounidense. Unha época meticulosamente manipulada para servir aínda como base do medo cara a aquilo ao que se opón tanto conservadurismo moderno. Unha historia editada para ignorar a aqueles que sufriron e para converter en heroes a aqueles que reconfiguraron a cidade ao seu gusto: próspera para os que tiñan os medios.

Pero tamén foi unha época de resistencia activa, tal como se pode observar nunha folga laboral en Charleston, Carolina do Sur, (I am somebody), e na ocupación dun edificio antes do aburguesamento do Northside de Williamsburg, Brooklyn, (People’s firehouse #1), que, mesmo a pesar de ser vitorias, borráronse da conciencia social por mor de décadas de terxiversación e, sobre todo, do capitalismo. Eventos enturbados intencionalmente para pór a súa veracidade eternamente en dúbida (a rebelión dos presos do cárcere de Attica), e apropiados indebidamente para dar unha imaxe manipulada dunha cosmovisión en contra dos pobres, dos obreiros e das comunidades.

Actualmente, a película con máis éxito en Nova York é I am not your Negro, de Raoul Peck. Todo un taquillazo nas salas de toda a cidade, que lembra, ou máis ben, presenta aos espectadores ao mellor escritor estadounidense nativo de Harlem, James Baldwin. O que é innegable é que hai un claro desexo, unha necesidade de escoitar unha voz sincera e elocuente pero á vez impaciente e furiosa, cuxas palabras e accións poden e puideron humillar, e seguirano facendo, ao ata o de agora inhumillable.

Stations of the elevated, rodada en 1977, mostra o momento culminante da demonización de Nova York. Unha campaña nacional para tachar Nova York de insalvable e unha estafa a longo prazo na que Trump e moitos outros promotores inmobiliarios son os principais truáns que utilizan no seu beneficio a depresión na que estaba sumida a cidade. O que Trump non podía saber entón era que o seu desprezo e as súas estafas non só enganarían a políticos para conseguir vantaxes fiscais, senón que iniciarían unha revolución que o colocaría na Casa Branca. Polo de agora.

Outra cousa que Trump non sabe: a película Stations remata cun vagón de metro pasando con estrondo cara ao atardecer, ao son do «Aleluia» de Aretha Franklin, e I heard it through the grapevine termina con Baldwin, despois de ser ameazado durante un discurso que daba, dicindo: «Direiche unha cousa: xa non importa o que ti penses! Á doutrina da supremacía branca sobre a que se construíu o mundo occidental chegoulle a súa hora, chegoulle o seu día, terminouse!».

Quizais aínda quede unha hora, pero non máis.

 

ATTICA

ATTICA

Cinda Firestone Fox, 80', 1974, EUA
Escrita, producida, editada e dirixida por Cinda Firestone Fox

O malestar social acadou o seu clímax o 9 de setembro de 1971, cando os presos do cárcere estatal de Attica, tras meses denunciando condicións de vida inhumanas, rebeláronse, tomando parte da prisión e facendo 39 reféns. A revolta tivo como resultado 43 mortos, despois da intervención da policía estatal para reprimir aos amotinados. Censurada por máis de 33 anos, Attica supón unha reveladora e aleccionadora mirada ao corazón da xustiza estadounidense, sopesando os custos da falla de honestidade institucional e abusos de poder, co prezo que algúns pagan por manter a dignidade humana.

IAMSOMEBODY

I AM SOMEBODY

Madeline Anderson, 30', 1970, EUA
Unha película de Madeline Anderson

I Am Somebody documenta a folga de 113 días levada a cabo por membros do Hospital Nacional da Unión e dos empregados do asilo de anciáns en Charleston, en Carolina do Sur, durante a primavera de 1969. O filme explora a loita destes traballadores da sanidade, con salarios baixos, negros e na súa maioría mulleres, por acadar xustiza económica, dignidade e respecto.

I-HEARD-IT

I HEARD IT THROUGH THE GRAPEVINE

Pat Hartley & Dick Fontaine, 80', 1982, EUA
Producida e dirixida por Dick Fontaine e Pat Hartley
Con James Baldwin e David Baldwin

James Baldwin volve sobre os seus pasos polo Sur na época do movemento dos dereitos civís, reflexionando coa súa particular perspicacia e brillantez sobre o transcurso de máis de dúas décadas. Desde Selma e Birmingham, e Atlanta, até as praias de St. Augustine, Florida, con Chinua Achebe, e de novo cara ao norte, a Newark con Amiri Baraka, Baldwin evidencia a ilusión de progreso tralo movemento, preguntándose que foi daqueles nenos e daqueles que non morreron, pero cuxas vidas foron esmagadas no camiño cara á liberdade.

PEOPLESFIREHOUSE1

PEOPLE’S FIREHOUSE #1

Paul Schneider, 25', 1979, EUA
Dirixido por Paul Schneider
Producido por Third World Newsreel
Distribuidora TWN (este ano é o 50 aniversario de TWN)

«Estamos a demostrarlle a todo Estados Unidos que se pode loitar contra o sistema e gañar». Os polaco-americanos de Brooklyn decatáronse de que a súa comunidade estaba a ser atacada pola burocracia da cidade: escolas, hospitais e outros servizos foran pechados ou sufrian recortes e o barrio entrara en decadencia. O peche do posto de bombeiros local foi a pinga que colmou o vaso.

STATIONSOFTHEELEVATED

STATIONS OF THE ELEVATED

Manfred Kirchheimer, 45', 1981, EUA
Unha película de Manfred Kirchheimer

Stations of the Elevated é a primeira película que documenta a arte do graffiti. O seu realizador, Manfred Kirchheimer, mestura o son ambiente da cidade coa esgazadora música do xigante do jazz Charles Mingus. Considerada por cinéfilos e representantes do hip-hop como unha escura peza de culto desde que se estreou en 1981 no New York Film Festival, Stations of the Elevated é unha celebración da quintaesencia da arte urbana, nunha época na que era amplamente considerada como vandalismo.