Sube con Burnett ao cuadrilátero

11 Abr 2016
burnett

O próximo sábado 16 ás 17 horas, Charles Burnett dará unha clase maxistral en Play-Doc titulada “Who am I in the Ring with Today?” (Con quen pelexo esta noite). Burnett é unha das grandes voces do cinema independente norteamericano, coñecido sobre todo polo seu filme de culto Killer of Sheep (1977). Como xa saberás, dedicámoslle unha retrospectiva este ano, con esta película e tres máis, para que poidas empaparte da obra deste xenio da sétima arte.

Burnett foi considerado por moitos coma o mellor realizador afroamericano da historia do cinema, tal coma o definiu o prestixioso crítico Jonathan Rosenbaum. Killer of Sheep é unha das poucas cintas que está incluída na Biblioteca Nacional do Congreso como obra de especial interese de preservación. Dende os anos 70, a influencia que exerceu en moitos realizadores independentes é notable, como pode apreciarse no ciclo paralelo Avant-Gutter, programado pola directora Akosua Adoma Owusu.

Coa súa filmografía, Burnett foi quen de trazar un percorrido xusto pola comunidade afroamericana nos Estados Unidos ao longo do tempo. Filmes como Nightjohn (1996) ou Nat Turner: A Troublesome Property (2003) tratan a escravitude, outros como Warming by the Devil’s Fire (2003) estudan a herdanza do blues do Misisipi; mentres que boa parte da súa obra está centrada nas condicións vitais das comunidades de cor hoxe – a clase obreira en Killer of Sheep e When it Rains (1995) ou a media en To Sleep with Anger (1990).

Xusto, a palabra esencial para Burnett á hora de retratar todos os seus personaxes, ben sexa nun documental ou nunha ficción. É unha ensinanza que aprendeu ben dun dos seus mestres, o realizador británico Basil Wright, creador dun clásico do cinema etnográfico como é The Song of Ceylon (1934). Esta teima do seu profesor na UCLA (University of California Los Angeles) por tratar as persoas con respecto, as situacións con rigor; vertebra as producións de Burnett, sen importar se se tratan de filmes moi persoais ou cintas por encargo.

A etapa máis coñecida e celebrada do autor é a que vai dos seus tempos na universidade, a finais dos sesenta, ata To Sleep with Anger, no 90; mentres que as súas producións posteriores non tiveron o mesmo recoñecemento ou visibilidade. Pode que unha das principais razóns sexa que Burnett traballou moito por encargo para a televisión, en ocasións con resultados tan notables como invisibles, como poden ser os de Nightjohn e Nat Turner: A Troublesome Property.

Na súa clase maxistral fará un percorrido por toda a súa obra, tamén a máis descoñecida. Falará do seu método de traballo, con experiencias moi positivas, nas que tivo o control total, como a libérrima e moi independente When it Rains; fronte a outras máis difíciles, nas que se tivo que adaptar a un modelo de produción máis constrinxido e nas que non asinou o guión. Nuns casos e noutros, Burnett sempre intenta imprimir o seu selo, e sobre iso se centrará precisamente a súa charla. Sobre iso, e sobre o respecto ao retratado; a súa máxima.

Entrada libre ata completar aforo.

Os filmes do ciclo e os seus horarios:

  • Killer of Sheep – Venres 15 – 23 horas
  • When it Rains + My Brother’s Wedding – Sábado 16 – 18:30 horas
  • To Sleep With Anger – Domingo 17 – 18:30 horas
, , , , , , , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest