Seminario

SEMINARIO O CRÍTICO-CINEASTA

‘O DOCUMENTAL E A FICCIÓN’

por Paulino Viota

1ª xornada: Dous exemplos extremos, dous polos opostos no tratamento dun mesmo motivo, na descrición dun mesmo mundo, unha mesma sociedade, a de Polinesia.

Un caso límite da actitude documental:

Robert Flaherty (1884-1951), verdadeiro fundador do cinema documental con Nanuk el esquimal (1922), pai indiscutible de toda a tradición da captación da realidade tal cal é, roda xunto coa súa esposa na illa de Savai’i, do arquipélago de Samoa, Moana (nome do protagonista masculino), convivindo cos habitantes do lugar, para empaparse das súas formas de vida, dende abril de 1923 ata decembro de 1924.

Un caso límite da actitude de creación dunha ficción:

  1. W. Murnau (1888-1931), que rodou en Alemaña Nosferatu (1922), El último (1924), considerada entón a mellor película do mundo, pola súa expresividade puramente visual, e Fausto (1926), e ao que contrataron en Hollywood, para que faga a obra mestra do cinema americano e fixo Amanecer (1927), é convencido por Flaherty, que, como toda a xente do cinema, admírao sen reservas, para facer xuntos unha nova película en Polinesia, unha nova Moana, que incorpore a sabedoría cinematográfica sen igual do alemán.

O resultado será Tabú, rodada en Bora Bora e Tahití, na Polinesia francesa, entre xaneiro e outubro de 1930.

Aínda que hai 1.500 millas de distancia entre Samoa e Tahití, ambas as dúas películas tratan dun mesmo tipo de sociedade, dun mesmo ámbito cultural. Estamos, pois, ante un caso único na historia do cinema: dúas obras de dous dos máis grandes cineastas, que mostran posicións opostas, dun uso radical do documental e dun uso igualmente radical da ficción, sobre similares personaxes e ambientes. Estamos ante un material que se diría feito a propósito, a medida para a reflexión no noso seminario sobre as diferencias, e as semellanzas tamén, entre ambos os dous conceptos do cinema, con todo o que iso implica, dende as formas de utilización da creatividade, ata a relación cos personaxes e os colaboradores, a construción da narración, a utilización dos recursos cinematográficos (fotografía, montaxe…) e todo o que se nos poida ocorrer.

2ª xornada: Hatari! é unha obra mestra singular, porque sendo unha película de ficción, en realidade está construída sobre unha alternancia moi marcada, case poderiamos dicir sobre unha dialéctica, entre secuencias documentais de caza de animais salvaxes vivos en diferentes lugares de Tanzania e secuencias propiamente de ficción. Howard Hawks (1896-1977), o director, sempre estivo moi interesado por integrar elementos reais do traballo dos seus personaxes cando este é perigoso e espectacular. Hatari! é a culminación dunha recreación documental que ten outros fitos, por exemplo, en Avidez de tragedia (1932, as carreiras de autos), Pasto de tiburones (1932, a pesca do atún) ou Río Rojo (1948, o transporte de gando).

Na nosa sesión, estudaremos a estrutura, a construción da película. Como, cunha sabedoría digna do máis refinado compositor musical, Hawks organizou a alternancia entre as partes documentais e as de ficción, para desenvolver no tempo, na sucesión que é toda película, unha narración matemática, feita dos ritmos da vida, da alternancia natural dos días e as noites que se articula coa tensión das cacerías documentais e o melódico sosego da convivencia dos personaxes de ficción”.

Para inscribirse, enviar correo a prensa@play-doc.com. Máis información aquí

contactos

CONTACTOS

Paulino Viota, 64', 1970, España
Director: Paulino Viota
Cámara: Ramón Saldías
Produción: Paulino Viota
Montaxe: Paulino Viota, Guadalupe González Güernes
Guión: Javier Vega, Santos Zunzunegui, Paulino Viota
Reparto: Guadalupe González Güernes, Eka García, José Miguel Gándara, Camino Gárriz

Recentemente chegada a Madrid, Tina aluga unha habitación na pensión Villanueva, onde vive Javier, membro dunha organización antifranquista. Ambos comezan unha relación, pero o temor a ser descubertos polo dono da pensión obrígaos a levar o romance ás agachadas. Filmada en dúas semanas de forma case secreta, sen apenas orzamento e escasos medios técnicos, Contactos é unha das primeiras películas antifranquistas clandestinas, considerada como unha das obras máis importantes da década dos setenta.

Contacto:
Intermedio
dvd@intermedio.net