RETRATOS

Acompañando á presentación da webdoc dun dos nosos obradoiros máis particulares, o Retrato Filmado, eliximos tres filmes que abordan importantes aspectos á hora de construír un retrato: o lugar desde o que o realizador se sitúa ante o seu personaxe e ante a súa película, as relacións de poder e fascinación que se establecen entre director e personaxe, a correspondencia especular, a representación do outro e a través do outro, a mirada, a evidencia do soporte, a reflexión sobre o proceso creativo, o transcurso do tempo, a memoria, a ética… Estes tres exemplos que aquí vos presentamos parécennos especialmente paradigmáticos da complexidade das relacións entre retratista e retratado, así na vida como no cinema.

DEATHINTHEPORTJACKSONHOTEL

DEATH IN THE PORT JACKSON HOTEL

Ed van der Elsken, 37', 1972, Netherlands
Unha película de Ed van der Elsken
Con Vali Meyers

Death in the Port Jackson Hotel é un retrato filmado da artista australiana Vali Myers. O director, o recoñecido fotógrafo Ed van der Elsken, coñeceuna no París de postguerra e realizoulle unha serie de fotografías que se publicaron no libro A love affair in Saint-Germain-deas-Prés (Love on the Left Bank). 18 anos despois, Vali visita ao fotógrafo na súa granxa de Edam, e este fílmaa mentres ela rememora as fotografías e fala das mortes por sobredoses, o suicidio e a súa adicción ao opio. Tamén a filma na súa cociña mentres debuxa a obra que dá título a esta película, Death in the Port Jackson Hotel, e na súa casa do val preto de Nápoles, onde Vali vive recluída co seu noivo de 19 anos.

RENE

René

Helena Třeštíková, 83', 2008, Czech Republic
Dirixido por Helena Treštíková
Produtora: Česká televize, Negativ, S.R.O.
Fotografía: Martin Kubala, Petr Pešek, Stano Slušný, Václav Smolík, Marek Dvorák, Ondrej Belica, Miroslav Soucek, Vlastimil Hamerník
Montaxe: Jakub Hejna
Son: Vladimír Nahodil, Pavel Sádek, Jan Valouch, Václav Hejduk, Miroslav Šimcík, Štepán Mamula, Daniel Nemec, Zbynek Mikulík, Petr Provazník, Jan Valouch.
Música: Tadeáš Věrčák

«Por que a miña vida de merda converteuse no que é? Ninguén o sabe. Nin sequera Deus. Deus está de vacacións e está a ler porno» di unha pasaxe do Diario dos esquecidos escrito polo protagonista doutro dos documentais de Helena Třeštíková. Cunha autenticidade crúa, a realizadora rexistra o desafortunado destino de René ao longo de 20 anos, entre continuas entradas e saídas da prisión. O filme cuestiona a relación que se establece entre realizador e protagonista. Unha historia dunha forza esmagadora que vai directa onde doe.

santiago3

SANTIAGO

João Moreira Salles, 80', 2007, Brasil
Dirixido por João Moreira Salles
Produción: Maurício Andrade Ramos
Fotografía: Walter Carvalho
Montaxe: Eduardo Escorel, Lívia Serpa
Son: Jorge Saldanha

«Trece anos atrás, cando filmei estas imaxes, pensei que a película empezaría así». Así comeza a narración de João Moreira Salles de Santiago, non só un retrato acerca de Santiago, o mordomo da familia, senón tamén unha reflexión sobre o fracaso, a memoria e o xénero documental. En 1992, o realizador filmou nove horas de película, pero abortou o proxecto na sala de edición. Ao examinar a metraxe orixinal descartada, Salles deconstrúe os mitos do cinema documental e realiza unha película que fala tanto de Santiago como de si mesmo.