Noticias

Premieres españolas para a sección competitiva de Play-Doc 2019

13 Mar 2019
A Volta ao Mundo quando tinhas 30 anos- Aya Koretzy

Billy  Woodberry,  Andrés Duque,  Camila José  Donoso,  Gastón  Solnicki,  André di Mauro, e  Aya  Koretzky presentarán en  Play-Doc, en  estrea española, os seus últimos traballos

Play- Doc anuncia os títulos que compoñen a competición internacional da súa décimo quinta edición, que se celebrará en Tui, do 3 ao 7 de abril, e que conta con autores consagrados e novas promesas, unha gran variedade de propostas e de diversas procedencias como España, Arxentina, Chile, Portugal, Brasil ou Estados Unidos.

Estreada recentemente no festival de  Berlin, A  Story  from  Africa (2019) chega a  Play-Doc da man do mítico realizador afroamericano Billy Woodberry, cuxo clásico Bless their Little  Hearts (1984) sitúao como un dos nomes crave do movemento cinematográfico LA Rebellion. Mediante o uso experimental de textos históricos, sons e un arquivo fotográfico practicamente inédito, A  Story  from  Africa recrea a tráxica e extraordinaria historia de  Calipalula, nobre da tribo dos  Cuamato cuxo papel foi decisivo na ocupación portuguesa dos territorios do sur de Angola tras a Conferencia de  Berlin de 1885. Nesta obra de coprodución portuguesa,  Woodberry consegue comunicar toda a violencia que conteñen as imaxes á vez que trata de subverter a mirada  colonialista que existe implícita nelas.

Así mesmo o festival contará na súa competición con Carelia: Internacional con monumento (2019), a última longametraxe de Andrés Duque, realizador de orixe venezolana e sen dúbida unha das voces máis sobresalientes e persoais coas que conta o cinema no noso país. Nesta obra, estreada o pasado xaneiro no festival de cinema de Róterdam, Duque presenta unha narración  fragmentada e en forma de ensaio dun pasado histórico onde o real e o fantástico entran en conflito. Unha historia  alucinada de Carelia, rexión situada xeograficamente na fronteira entre Rusia e Finlandia, cunha forte carga política e que supón, do mesmo xeito que a proposta de  Woodberry, unha intensa experiencia cinematográfica e sensorial.

Desde Chile chega tamén a nova e talentosa cineasta Camila José Donoso coa súa terceira longametraxe, Nona. Si me mojan, yo los quemo (2018). Estreada así mesmo na pasada edición do IFFR (Festival Internacional de Róterdam), Nona é unha película que bebe das fontes do documental para converterse nunha ficción pouco convencional que transcende todos os xéneros. Interpretada por Josefína Ramírez, avoa da propia realizadora, Nona é o retrato dunha muller chea de arestas e complexidades que foxe dun turbulento pasado para acubillarse nun presente onde suceden misteriosos acontecementos. Esta transficción cargada de realismo máxico, non é só unha contundente declaración feminista e unha homenaxe á figura da súa avoa, senón tamén unha crítica incisiva ao pasado e presente da sociedade chilena.

Unha fermosa homenaxe é tamén Introduzione all’escuro (2018), a cuarta longametraxe do aclamado realizador arxentino Gastón Solnicki, que se estreou no festival de cinema de Venecia. Tras a morte do seu querido amigo e mítico director da  Viennale,  Hans  Hurch,  Solnicki regresa á cidade deste, Viena, para realizar unha película. Introduzione all’escuro é unha elexía cinematográfica, un proceso de duelo e un exercicio de evocación na que non faltan o humor e a tenrura. Un traballo extremadamente persoal que transcende ao universal e que supón unha escura celebración da vida e unha oda á amizade.

Outra das películas que se mostrará é a brasileira Humberto Mauro (2018), estreada tamén na pasada edición do festival de Venecia. Con máis de trescentas películas Humberto Mauro (1897-1983) non só foi o pai do cinema brasileiro, senón tamén o primeiro cineasta de toda América Latina. Neste tributo ao lendario realizador, o seu sobriño neto André di Mauro fai un repaso pola súa monumental cinematografía a través de imaxes das súas películas e o rexistro sonoro dunha entrevista radiofónica gravada nos anos sesenta. O resultado é unha obra enormemente poética e unha viaxe no tempo no que o propio Humberto Mauro fálanos da súa vida, da súa visión do cinema e das súas experiencias e retos como a primeira persoa que a principios do s. XX comeza a facer películas nunha pequena cidade do interior do Brasil.

A sección a competición complétase coa película que vén de gañar o prestixioso  Bright  Future  Award no IFFR, A Volta ao Mundo quando  tinhas 30 anos (2018) da realizadora xaponesa afincada en Portugal  Aya  Koretzky. A segunda longametraxe de Koretzky é o emotivo retrato dun pai visto polos ollos da súa filla en forma de álbum de fotos. Un diario de viaxe de 1970, que comeza en Xapón e continua polo mundo enteiro. Pai e filla intercambian pensamentos sobre os recordos das palabras escritas e as vellas fotografías, compartindo o desexo de traelos ao tempo presente. Un estudo sobre a calidade do efémero, o paso do tempo, a pertenza a un lugar e a natureza cíclica da vida.

Transitando polos numerosos camiños que conducen da realidade á ficción, as seis películas que conforman este programa teñen como denominador común a construción da memoria. Unha memoria, –ben sexa persoal ou colectiva, familiar ou histórica–, que se fabrica a partir de numerosos fragmentos: fotografías, rexistros sonoros, palabras escritas ou imaxes en movemento. Multiplicidad de pezas de diferente índole e unha variedade de medios e formatos que fluctúan entre o pasado e o presente, a presenza e a ausencia, o real e o imaxinario. Películas que son todas elas, cada unha á súa maneira, unha homenaxe, unha ofrenda e unha sincera declaración de amor.

Xurado

O xurado estará composto por Garbiñe Ortega,  curadora e directora artística do festival Punto de Vista, en Navarra;  Gerwin Tamsa, responsable entre outras da sección Bright Future en IFFR, Festival Internacional de Cinema de Róterdam e o crítico, docente e programador alemán Olaf  Möller, unha das referencias indiscutibles da cinefilia no ámbito internacional.

Share

Facebook Twitter Pinterest
Tui