PLAY-DOC PODERASE SEGUIR A TRAVÉS DA TELEVISIÓN DE R

16 Mar 2017
poster_death_por_jackson2 (1)

– O Festival Internacional de Cine Documental de Tui ofrecerá parte da programación na súa canle Play-Doc TV, integrada na plataforma do operador de telecomunicacións

– Os subscritores da canle desfrutarán dunha selecta programación das películas que se exhibirán durante o evento, con Liberami, Hoax_Canular, On the Bowery e Death in The Port Jackson Hotel

Play-Doc poderá seguirse por televisión. Será a través da canle de suscripción en vídeo baixo demanda Play-Doc TV, integrada na plataforma de televisión de R, que emitirá unha pequena pero selecta programación con algunhas das películas que se proxectarán no Festival Internacional de Cinema Documental, que se celebra entre o 22 e o 26 de marzo en Tui.

As obras escollidas para a canle Play-Doc TV estarán dispoñibles para os seus subscritores de forma exclusiva e só entre o 20 e o 31 de marzo. Será case como desfrutar dende casa do veterano festival galego, que neste 2017 cumpre a súa 13ª edición.

Neste XIII Play-Doc, a canle televisiva presentará unha mostra de catro títulos representativos do evento, que inclúen unha das películas da competición, Libera Nos (Liberami); unha das obras do realizador e invitado especial en retrospectiva, o franco canadense Dominic Gagnon, Hoax_Canular; o clásico do cinema independente americano On the Bowery, no programa de carta branca en colaboración con Porto/Post/Doc, e unha rareza do prestixioso fotógrafo holandés Ed van der Elsken, Death in The Port Jackson Hotel, programada na sección Retratos.

Libera Nos (Liberami) é a estrea da italiana Federica di Giacomo, unha película gañadora do premio Orizzonti na pasada edición do festival de Venecia que aborda a práctica do exorcismo, aínda unha realidade no mundo contemporáneo. A través do pai Cataldo, un veterano e solicitado exorcista de Sicilia a cuxas misas de liberación acoden numerosos crentes, Di Giacomo reflicte a reacción da Igrexa católica ante esta crise, consistente en aumentar o nomeamento de curas como exorcistas e organizar cursos de prácticas para eles.

En Hoax_Canular, Gagnon completa un documental baseado en mentiras, a maior delas a de que o mundo acabaría o 21 de decembro de 2012. Os adolescentes que aparecen nesta obra de Gagnon vencen os seus medos inventando ameazas e desatando rumores sobre o fin do mundo cas súas webcams. Realizada a partir de máis de 70 horas de vídeos subidos a YouTube nunha soa noite, Hoax_Canular é unha profunda reflexión sobre como os máis novos fan súa a angustia xerada polos medios.

Premiada en Venecia e nos BAFTA en 1956 e nomeada ao Óscar ao mellor documental en 1957, On the Bowery, de Lionel Rogosin, é unha das películas máis importantes da escena independente estadounidense de posguerra. O seguimento durante tres días de dous vagabundos alcoholizados sérvelle a Rogosin para facer un retrato da América real, proscrita polo cinema comercial, que acabaría emerxendo nos films do Novo Cinema Americano, do que On the Bowery foi un dos primeiros fitos.

Por último, Death in the Port Jackson Hotel é un retrato filmado da artista australiana Vali Myers, musa de Patti Smith e Tennessee Williams. O director, o recoñecido fotógrafo Ed van der Elsken, coñeceuna no París de postguerra e realizoulle unha serie de fotografías que se publicaron no libro A love affair in Saint-Germain-deas-Prés (Love on the Left Bank). Dazaoito anos despois, Vali visita ao fotógrafo na súa granxa de Edam, e este fílmaa mentres ela fala da arte, o opio, o suicidio e o amor. Os anos 70 en toda a súa gloria.

Un dos obxectivos de Play-Doc foi sempre lle achegar ao público un cinema á marxe dos circuítos comerciais e darlle un maior alcance e visibilidade. Esa é a intención coas que hai uns anos puxo en marcha con R Play-Doc TV, unha versión televisiva do festival que, ademais de facilitar o acceso a parte dos seus contidos, ofrece cinema de calidade e afastado das contornas convencionais os 365 días do ano e para toda Galicia.

, , , , , , , , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest