PLAY-DOC REFORZA A SÚA APOSTA FORMATIVA CON DIVERSAS ACTIVIDADES

27 Xan 2017
Captura de pantalla 2017-01-27 a las 18.26.47

−‘Retrato Fílmico. O primeiro Xesto Documental’ ten como relatora a Marta Andreu, coordinadora do Máster en Documental de Creación da Universidade Pompeu Fabra e estreita colaboradora de Play-Doc

−O festival internacional de documentais ofrece un curso de Super 8 organizado pola Agrupación Cinematográfica Galega, que desembocará na creación dunha película colectiva filmada en Tui

-A asociación Cuarta Parede impulsa por terceiro ano consecutivo un seminario da crítica

Tui, 27 de xaneiro de 2017. O Festival Internacional de Documentais Play-Doc, que se celebrará en Tui entre o 22 e o 26 de marzo, reforza este ano a súa aposta formativa coa inclusión de novas e variadas actividades. Unha delas será o encontro con Marta Andreu titulado Retrato Fílmico – O Primeiro Xesto Documental. O festival ofrecerá tamén Super 8: Filma, revela, edita, proxecta!, un taller de iniciación a este histórico formato que organiza a Agrupación Cinematográfica Galega, e o seminario da crítica, que será impartido por terceiro ano consecutivo pola asociación A Cuarta Parede.

O encontro con Marta Andreu, coordinadora do Máster en Documental de Creación da Universidade Pompeu Fabra e estreita colaboradora de Play-Doc, desenvolverase o 24 de marzo de 10 a 14 horas na sala 2 de Play-Doc Festival. Trátase dun curso que, saltando de fragmento en fragmento de documentais contemporáneos, trazará un camiño e unha reflexión en voz alta para definir o retrato fílmico. Para iso relacionará o cine con outras manifestacións, experiencias, ideas, anécdotas e especulacións artísticas, culturais e vitais, para recoñecer o retrato como ese xesto fundacional da creación documental. A matrícula, xa aberta, pódese formalizar a través da web de Play-Doc (www.play-doc.com).

Marta Andreu creou en 2004 a produtora Estudi Playtime, desde a que produciu películas como Oleg y las Raras Artes ou Cuchillo de Palo, entre moitas outras. Formou parte do xurado dun gran número de festivais internacionais de todo o mundo, onde tamén coordinou programas e impartido charlas, seminarios e talleres de escritura e desarrollo de proxectos documentais.

A finais de 2011 comezou a súa implicación co World Cinema Fund do Festival de Cine de Berlín, como membro do comité de selección que outorga axudas a películas procedentes de países en desenvolvemento. En 2015 crea o espazo WALDEN para escritura de proxectos documentais. Marta Andreu mantén unha estreita relación e colabora habitualmente con Play-Doc, onde, entre outras actividades, dirixiu os talleres O Laboratorio do Retrato Filmado e Doc’s in Progress .

O obradoiro de Super 8, mentres, ten como relator a Luís Macías, do colectivo barcelonés Cráter Lob, e desenvolverase en catro sesións, nas que os participantes aprenderán a coñecer e manexar a súa cámara, a filmar a partir du n exercicio colectivo de rodaxe, a revelar a película de forma artesanal e a preparar, montar e proxectar o material resultante.

Unha das características que fan especialmente atractivo o curso é o obxectivo de crear unha película colectiva filmada en Tui. Os alumnos terán acceso ademais ao Arquivo Galego de Cine Doméstico para traballar cunha selección de imaxes históricas filmadas na localidade tudense nas décadas do sesenta, setenta e oitenta.

O responsable do obradoiro, Luís Macías, é artista, cineasta, reciclador de imaxes e docente especializado en Cine Experimental. As súas inquietudes artísticas céntranse en dous puntos: no traballo físico sobre película cinematográfica e na reciclaxe e reinvención de novas relacións entre as imaxes en movemento.

A matrícula, xa aberta, pode realizarse a través da web da agrupación (www.agrupacioncinematograficagalega.org), e inclúe a posibilidade de practicar o aprendido no laboratorio da Agrupación Cinematográfica Galega, en Vigo, tras a realización do curso. O curso realizarase na sede do festival de 10 a 14 horas entre o xoves 23 e o domingo 26 de marzo.

Dentro das súas actividades formativas, Play-Doc acollerá un ano máis un seminario dedicado a todos aqueles que desexen aprender sobre crítica cinematográfica. Organizado en colaboración coa revista A Cuarta Parede, estes cursos pretenden dotar aos estudantes de ferramentas críticas para enfrontarse á redacción de textos sobre as películas que se mostran en cada edición. Con focos temáticos en cada ocasión, esta vez os alumnos terán a oportunidade de deixar o teclado e tomar a cámara e programas de montaje para crear críticas en vídeo.

O curso A crítica audiovisual contará neste caso cunha variante práctica impartida polo editor da revista Brais Romero, que traballará cos participantes durante o festival para montar varias pezas ao redor da selección de Play-Doc e buscar relacións entre as cintas mostradas. A actividade seguirá contando coa súa variante teórica, con relatorios do crítico luso da Cinemateca Portuguesa Tiago Baptista ou o cineasta español Guillermo G. Peydró, entre outros nomes que se anunciarán proximamente. A inscrición abrirase a mediados de febreiro e quedará aberta até o 17 de marzo.

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest