PLAY-DOC REDOBRA A SÚA APOSTA POLO CINE GALEGO MÁIS ACTUAL

1 Mar 2017
MONTANHAS_ARDIENTES_HELENAGIRON1

− O programa, que inclúe cinco estreas, ofrece unha visión ampla dun cine diverso impulsado por unha nova xeración de creadores

− O festival internacional de Tui exhibirá 12 películas de autores galegos que representan distintas formas de entender o cine de non ficción

Tui, 1 de marzo de 2017. Play-Doc Festival Internacional de Cine Documental redobra na súa edición de 2017, que se celebra entre o 22 e o 26 de marzo, a súa aposta polo cine galego máis actual. Consolidado como referencia da vangarda internacional e garantía de calidade, o traballo dos cineastas galegos gaña prestixio cada ano e crece tamén na súa representación en Play-Doc, que en esta nova edición exhibirá 12 películas que mostran o vigoroso pulso da creación cinematográfica galega.

Cada ano aparecen máis nomes que se suman a  un elenco de realizadores novos que conquistan premios e recoñecementos no mundo enteiro. A eles dedícalles Play-Doc un ano máis un programa especial, cunha ducia de obras, na súa maioría autoproducidas, que encarnan diferentes formas de entender o cine documental. A  representación que se mostrará no festival de Tui, que este ano alcanza o seu 13ª edición, terá como grandes características a variedade e a pluralidade.

O programa trata de mostrar os impulsos creativos do documental en Galicia . Achégase así a un cine diverso, que mostra a vitalidade dunha nova xeración de creadores que empregan este xénero cinematográfico para investigar tanto na forma como nos contidos.

Entre as películas programadas hai títulos de directores que se converteron en escaparate internacional da creación galega. É o caso de Eloy Domínguez e Helena Girón, dos que se proxectará Rust e Montañas ardeentes que vomitan fuego, respectivamente. Outros, como Cristina Caamaño, empregan a animación para tratar dun suceso como La fuga de los 45, do cárcere Modelo de Barcelona en 1978.

A mostra aborda tamén unha revisión dos procesos de creación. Quiasma, de Tono Mejuto, achégase á arte dun coreógrafo e bailarín; Manuel Vilariño. Ser luz, de José Manuel Mouriño, profunda no traballo do premio nacional de fotografía; Aysha, de Fon Cortizo, retrata a unha poetisa de Oriente Medio, e O equilibrio dous opostos, de Alberto Baamonde, mostra a loita dun cociñeiro con estrela Michelin, Javier Olleros, para defender o seu restaurante Culler de Pau, do Grove.

Nalgúns casos, como o do fotógrafo Tono Mejuto, trátase do seu primeiro achegamento ao cine de non ficción, para recrear, en colaboración co coreógrafo Javier Martín, o proceso de creación dun dos seus espectáculos de danza contemporánea. Xunto a eles aparecen tamén autores de referencia. É o caso de Eloy Domínguez Serén, gañador da pasada edición de Play-Doc, ou de Helena Girón (Montañas) e Jaione Camborda (Rapa das bestas *preestreno).

Cinco das películas supoñen a súa estrea mundial no festival (Aysha, Una vez fuimos salvajes, Lenda Negra, Quiasma e O equilibrio dous opostos). Na selección destaca así mesmo unha importante representación feminina.

Play-Doc amplía así a súa sección dedicada ao cine galego, co que ten un forte compromiso desde as súas orixes e do que se converteu nunha cita anual indiscutible. O festival de Tui contribuíu ao longo dos seus 13 anos de existencia á difusión no estranxeiro do documental feito en Galicia, organizando programas e ciclos en diferentes lugares como no festival Dokufest, en Kósovo, en Citeina Universitaire de París ou no Town Hall de Nova York, en Estados Unidos, así como en diferentes puntos da xeografía española.

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest