PLAY-DOC RECUPERA CINCO ANOS DE RETRATO FILMADO NUN ESPAZO ONLINE INTERACTIVO

9 Feb 2017
retrato3

−O festival de Tui presentará na súa próxima edición un Webdoc para dar unha nova vida ás películas colectivas sobre o día a día de distintos habitantes de Tui

−O proxecto Ida e Volta, dirixido por Marta Andreu, xurdiu do orixinal taller O Retrato Filmado, toda unha experiencia vital e cinematográfica que agora cobra unha nova dimensión

Tui, 9 de febreiro de 2017. Play-Doc Festival Internacional de Cine Documental recuperará na súa nova edición de 2017, que se celebra en Tui entre o 22 e o 26 de marzo, un dos seus proxectos máis emocionantes e que maior transcendencia lograron nos últimos tempos. Trátase da película colectiva Ida e Volta, unha experiencia vital e cinematográfica froito de cinco anos de actividade do taller O Retrato Filmado (2009-2013), que deron lugar a outras tantas películas colectivas baseadas na vida cotiá de distintos personaxes da localidade fronteiriza. Todo iso recollerase agora nun Webdoc, unha experiencia online en   a que o espectador é tamén protagonista.

Un profesor de instituto, a dueña de un restaurante, un neno pequeno, unha anciá centenaria… Durante o tempo que durou a experiencia, dirixida e coordinada pola cineasta Marta Andreu, personaxes variados deixaron que o seu día a día fose retratado por distintos directores en documentais persoais, un exercicio fílmico que completou unha visión panorámica de Tui a través dos seus paisanos.

Os realizadores Adriana Fernández, Diana Gonçalves, Lucía Catoira, Noemí García, Pela del Álamo, Pilar Monsell e Xacobo Sanmartín, cunha procedencia e traxectoria profesional diversa, foron acollidos por veciños tudenses nas súas casas, e conviviron con eles durante os días do festival, deixando cada ano unha pegada do tempo que pasa, para uns e outros. En cada edición o reto era distinto, e así, se o primeiro ano o obxectivo era filmar o encontro entre un creador e o seu personaxe, os anos seguintes a idea consistiu en profundar en outros trazos de cada un deles: a memoria, a paisaxe ou mesmo o impacto que deixaba no cineasta o encontro.

Play-Doc recupera agora esas cinco películas colectivas para compartirlas desde un novo e orixinal punto de vista. Será a través dun Webdoc, unha ferramenta online na que o espectador poida viaxar de maneira interactiva e autónoma sobre a historia de cada un dos personaxes retratados, pero tamén a través da experiencia de cada cineasta.

O Webdoc é unha  modalidade punteira de documental que utiliza e potencia a interacción de elementos multimedia –vídeo, audio, fotografía, infografía ou textos, entre outros– integrados nunha plataforma dixital, cunha narrativa que establece novos diálogos co espectador e rompe os paradigmas tradicionais de creación, produción e difusión. Nesta modalidade do documental, o espectador asume un rol activo ante a posibilidade de interactuar, navegar e case decidir o guion da historia. Trátase por tanto dun relato audiovisual non lineal, no cal o contido está fragmentado pola interacción dun usuario ao navegar nunha rede de materiais de distinto tipo.

Play-Doc emprendeu en 2009 o proxecto Ida e Volta desde a crenza de que mirar é recoñecerse naquel que temos diante, porque á fin e ao cabo o outro sempre está diante e o que fai esa presenza é lembrarnos a propia.

A presentación do Webdoc en Play-Doc acompañarase dun programa especial no que se proxectarán películas de importantes directores como a checa Helena Trestíková, o brasileiro João Moreira Salles ou o holandés Ed van der Elsken, todas elas retratos cinematográficos nas que se expoñen interesantes cuestións sobre a relación que se establece entre realizador e protagonista. Así mesmo, Marta Andreu impartirá un curso co tema do retrato como primeiro xesto documental. A inscrición para asistir ao curso continúa aberta en www.play-doc.com.

 

Marta Andreu é coordinadora e docente no master de Creació Documental da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e produtora en Playtime, unha promotora independente creada no 2004 na Ciudad Condal, dedicada a películas e proxectos documentais e cunha experiencia focalizada en primeiras películas. Estreita colaboradora de Play-Doc, Andreu é tamén coordinadora académica de DocMontevideo desde a súa creación (2009), no que imparte un taller de escritura para proxectos en desenvolvemento, e dita seminarios ou charlas ao redor da creación documental.

 

, , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest