Noticias

Un taller audiovisual para retratar os espazos que habitamos

13 Ago 2021
Eloy Domínguez Serén © Tamara de la Fuente
  • O obradoiro, impartido polo recoñecido cineasta Eloy Domínguez Serén, está dirixido a veciños e veciñas de Tui e de toda a comarca, que realizarán pequenas películas co obxectivo de retratar de xeito persoal a comunidade onde residen.
  • As inscricións estarán abertas ata o vindeiro 27 de agosto. Os que desexen participar deberán enviar un e-mail a produccion@play-doc.com .
FILMAR O PROPIO. Obradoiro de cinema en primeira persoa con Eloy Domínguez Serén.

Obxectivos

De que xeito afectaron estes xa dezasete meses de pandemia á maneira en que nos relacionamos coa nosa contorna? Resultaron as medidas sanitarias, as restricións de mobilidade e a distancia de seguridade nun deterioro do vínculo que mantemos cos nosos veciños e veciñas ou, polo contrario, contribuíron dalgún xeito a estreitalos? Mudou significativamente o xeito en que nos achegamos aos nosos concidadáns?

Nun momento de transformación coma este, o cinema ten a magnífica capacidade de capturar o cotiá dos nosos días, retratar as relacións entre a veciñanza e compartir o resultado destas experiencias, a través de imaxes e sons, coa nosa comunidade.

O noso obradoiro convida aos veciños e veciñas de Tui e arredores a reflexionar sobre a súa contorna, animando a cada participante a realizar unha breve peza audiovisual na que elabore un retrato persoal e colectivo, mais íntimo e emocional, do espazo no que habita e por tanto tamén da súa comunidade. Así, o autor ou autora poderá compartir a través desta peza a súa particular visión do seu barrio, a súa vila, un lugar emblemático, un punto de encontro, un negocio local representativo ou mesmo do seu círculo afectivo e familiar máis próximo.

Descrición

Este obradoiro audiovisual será impartido por Eloy Domínguez Serén, recoñecido e  multi-premiado cineasta galego que conta cunha notable traxectoria internacional, na que destacan títulos como Hamada ou Non cow on the ice.

Ao longo das semanas de agosto e setembro de 2021, os e as participantes realizarán unha pequena peza audiovisual de curta duración, na que reflexionarán arredor da súa propia experiencia, a da súa contorna ou a súa comunidade, tecendo xuntos un valioso relato de pequenas historias persoais e colectivas.

O obradoiro dará comezo cunha xornada de visionado en grupo, na que os participantes poderán descubrir a obra de distintos cineastas, coñecer os diversos modos nos que se expresan, e contar así con referentes que poidan resultar útiles para a realización das súas propias pezas. Durante todo o proceso de creación das pezas, os participantes contarán co seguimento, asesoramento, a colaboración e o apoio do cineasta Eloy Domínguez Serén.

Cada peza final resultante do obradoiro non superará os 3 minutos de duración e poderá ser levada a cabo con calquera formato de gravación, desde teléfonos móbiles ata cámaras profesionais.

As pezas resultantes deste obradoiro presentaranse dentro do marco da celebración da  XVII edición de Play-Doc Festival, que terá lugar do 22 ao 26 de setembro de 202q.

Inscrición

– Este obradoiro está aberto a todo tipo de participantes de todas as idades. Valórase a experiencia previa, mais non é imprescindible ter formación audiovisual.

– Os que desexen participar deberán enviar un e-mail a produccion@play-doc.com co ‘asunto’: TALLER PLAY-DOC e, no corpo de texto, deberán indicar nome completo, idade e teléfono de contacto. Establécese un máximo de 8 prazas.

O prazo de inscrición permanecerá aberto até o día 27 de agosto. Unha vez finalizado o prazo, a organización do festival poñerase en contacto cos seleccionados.

Share

Facebook Twitter Pinterest