Noticias

Do arquivo fílmico á performance

20 Ago 2020
Oliverira_Escultor

O Museo Online de Cinema Autobiográfico, MOCA, mostrará en Play-Doc unha das súas primeiras coleccións de cinema familiar, dixitalizadas para a ocasión. Gravacións inéditas de gran valor documental, realizadas nos anos 70 por un veciño da cidade de Tui

O colectivo artístico LÍMITES, preséntase no festival cunha proposta que combina a vídeo creación experimental coa intervención escénica
Play-Doc Festival Internacional de Cine de Tui, que terá lugar do 23 ao 27 de setembro, amplía as súas liñas de colaboración con novos colectivos, creadores e axentes culturais que ao longo destes anos atoparon no festival un lugar ideal onde amosar os seus novos traballos.

MOCA, Museo Online de Cinema Autobiográfico é un proxecto que naceu a principios do 2020 da man de La Cinematográfica, e que se presenta como un espazo de encontro, de creación e de investigación ao redor de traballos de cinema documental que parten da escritura autobiográfica, a exploración da memoria, as relacións familiares, a procura da identidade e a indagación do arquivo familiar.

Durante esta edición do festival poderase ver en exclusiva unha das primeiras coleccións de cinema doméstico dixitalizada por MOCA, un valioso arquivo audiovisual proporcionado pola familia de Carlos Dagá Escribano, veciño de Tui que ademais de filmar á súa familia e amigos, documentou coa sua cámara Súper 8 diferentes momentos significativos da vida tudense, como a inauguración do Casino en 1975 ou as festas de San Telmo no ano 1973. Poderemos ver, ademais, imaxes inéditas do recoñecido escultor Juan Oliveira traballando no seu taller, e mesmo imaxes da rapa dás bestas de Mougás. Unha oportunidade para reunirse e compartir o recordo colectivo, coñecer a historia e as tradicións que representan o patrimonio dunha comunidade.
 
Ao longo dos anos, Play-Doc converteuse nun espazo de encontro para a creación artística, que dá cabida na súa programación a unha gran variedade de disciplinas artísticas que dialogan co cinema dende diferentes perspectivas.
 
Nesta ocasión, o colectivo artístico LÍMITES, nacido durante o confinamento e formado por un grupo de artistas de diversas disciplinas (música, fotografía, poesía, danza, ilustración, vídeo creación, etc.) presentarán no festival unha proposta escénica en directo que incluirá obras de videoarte, artes plásticas e escénicas, e que consistirá nunha coreografía musical e de danza contemporánea a modo de creación efémera.

O festival continúa desvelando novos contidos e actividades dunha edición na que a seguridade sanitaria dos seus espectadores e artistas será unha prioridade para a organización.

Share

Facebook Twitter Pinterest