PLAY DOC ANALIZA A TRAVÉS DO CINE A CRISE DE VALORES EN ESTADOS UNIDOS

24 Mar 2017
playdoc155tamaradelafuente

− O festival estrea hoxe a sección The Wrong Revolution, un ciclo programado polo director artístico da prestixiosa sala Metrograph de Nova York

 − A sección oficial avanza coas películas Le concours e Liberami nunha xornada na que tamén comeza a sección Retratos

 – Concerto de Joan As Police Woman

 

Tras unha xornada dominada polo impacto causado polas películas de Dominic Gagnon, Play-Doc Festival Internacional de Cine Documental celebra este venres en Tui a súa terceira xornada, na que se estrean dous novos ciclos: Retratos e The Wrong Revolution. É o comezo da programación doutra das estrelas do festival, Jake Perlin, director artístico da prestixiosa sala Metrograph de Manhattan e responsable da selección de cinco títulos que profundan na crise de valores da sociedade dos Estados Unidos.

Gagnon foi unha das principais atraccións da xornada do xoves, na que se proxectaron as súas películas Of the North e Pieces and Love All to Hell. O controvertido director franco-canadense, ao que este ano se lle dedica unha retrospectiva e que programou a sección Cinema Direct, impactou ao público cunhas obras nas que actúa como un antropólogo da web, da que vampiriza vídeos anónimos para configurar os seus duros retratos.

O público enche as salas nestes dous días de festival, no que hoxe avanza a sección oficial con dúas novas películas, Libera nos (Liberami) e Le concours. Coa primeira, a italiana Federica dei Giacomo gañou o premio Orizzonti na pasada edición do festival de Venecia. Nela aborda a práctica do exorcismo, aínda unha realidade no mundo contemporáneo, a través do pai Cataldo, un veterano e solicitado exorcista de Sicilia a cuxas misas de liberación acoden numerosos creyentes.

Le concours, da consagrada Claire Simon –a quen Play-Doc dedicou unha retrospectiva en 2015– resultou gañadora do mellor documental na última edición do festival de cine de Venecia. Nela, Simon mergúllase no día a día da coñecida escola de cine parisiense Fémis para establecer un retrato da nosa relación coa excelencia no mundo da arte nunha das escolas máis prestixiosas de Francia.

Estréase hoxe a sección Retratos, vinculada ao proxecto de web-doc da película colectiva Ida e Volta, un dos proxectos máis emocionantes e que maior transcendencia lograron en Play-Doc nos últimos tempos. Dos tres documentais que se programan en el ciclo, esta tarde exhíbense dous. Un deles é Death in the Port Jackson Hotel, de Ed van der Elsken, baseado na artista australiana Vali Myers, musa de Patti Smith e Tennessee Williams. O outro é René, da checa Helena Triestiková, que rexistra o desafortunado destino do seu protagonista ao longo de 20 anos, con constantes entradas e saídas da prisión.

Tamén arrinca este venres The Wrog Revolution. Para a súa configuración, Jake Perlin partiu da obra de Gagnon para propor unha mirada que profunda nas raíces dos múltiples problemas da sociedade norteamericana. O ciclo constará de cinco títulos que rastrexan o camiño que levou ao país máis poderoso do mundo á súa actual situación.

Este venres exhíbense tres. Un deles é I head it through the Grapevine (Pat Hartley & Deick Fontaine, 1982), no que James Baldwin volve sobre os seus pasos polo Sur na época do movemento dos dereitos civís, reflexionando ca súa particular perspicacia e brillantez sobre o transcurso de máis de dúas décadas. Outro, People’s Firehouse #1 (Paul Schneider, 1979), retrata unha rebelión dos polaco-americanos de Brooklyn contra a decadencia do barrio. E o terceiro, I Am Somebody (Madeline Anderson, 1970) é un documento sobre a folga de 113 días levada a cabo por membros do Hospital Nacional da Unión e dos empregados do asilo de anciáns en Charleston, en Carolina do Sur, durante a primavera de 1969.

Outra das actividades da xornada de hoxe de Play-Doc, que se clausura o domingo, consiste no seminario de Marta Andreu, coordinadora e docente no master de Creació Documental da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e produtora en Playtime, sobre O primeiro xesto documental. Trátase dun taller que tamén entronca coa película colectiva Ida e Volta e o proxecto de web-doc relacionada con ela. Seguen en marcha o resto de actividades formativas de Play-Doc, co taller de Súper 8 e o seminario A crítica audiovisual.

A xornada de venres marca tamén o inicio dos concertos a Play-Doc. E empezan co seu prato forte, Joan As Police Woman. A cantante, compositora e produtora estadounidense, acompañada polo multiinstrumentista Benjamin Lazar Davis, presentará en Tui o seu recentemente estreado quinto álbum, Let It Be You, así como temas clásicos da súa extensa discografía. O concerto será a partir das 23,30 na sala Metropol, á venda en Ticketea.

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest