Peter Emanuel Goldman

1-PeterEmanuelGoldman

Unha ínfima mutación

1.

Que foi o que aconteceu aquela tarde de domingo en París, a finais dos 90? Un shock, provocado pola proxección de Echoes of Silence de Peter Emanuel Goldman, organizada pola revista Trafic no Jeu de Paume. Daquela dicíase que era «o filme máis raro do mundo», defendido por Mekas, por Godard, prohibido pola censura francesa entre 1967 e 1970, estreada ás agachadas no verán do 70 e finalmente caída no esquecemento. O seu título, o máis fermoso do mundo, facíanos soñar. En 1997 mesmo cheguei a copiar nun pequeno caderno as magníficas liñas que lle dedicou Jean-Claude Biette no Cahiers du Cinéma de marzo de 1967; últimos lazos que nos unían a aquel filme invisible, do que eu naquela altura contemplaba a posibilidade de facer un remake, baseándome pouco máis que na crítica de Biette: «A orde e o número de secuencias pouco parece importar. Cada capítulo ou bosquexo interrómpese a forza de durar, as olladas que se intercambian tres mozas nunha pequena habitación non conducen a nada, mantendo, latente, un drama que non termina de abrollar. A estes seres perdidos en Nova York, nada lles acontece. Nada se resolve, tan só se observa unha ínfima mutación, e o filme avanza por amplificación, coma un poema latente, pola suma das soidades aglutinadas[1]».

Esta soidade «aglutinada» da que falaba Biette, aínda a podo sentir. Véxome de novo saíndo daquela proxección, conmocionado, entrando no metro. Había no vagón outros mozos cinéfilos, cos que nunca antes falara, e entre os que se atopaban algúns futuros cineastas importantes: Serge Bozon, Axelle Roppert, Julien Husson. Ollabámonos sen falar, como para marcar co silencio a nosa pertenza a unha sociedade secreta: a seita dos que viramos Echoes of Silence. O filme continuaba a exercer a súa influencia sobre nós. Facíanos escoitar a súa violencia íntima. Fixeramos un voto de silencio.

Aínda podo escoitar a choiva que aquela noite petaba nos cristais do metro aéreo. Calado ata os ósos, tremendo. Convertérame neles. Miguel, Stasia, Viraj, desorientados, camiñando entolecidos polas rúas de Greenwich Village, os ollos devorados pola carencia emocional. Ter 20 anos é unha merda indescritible. E pouco importa se o cinema nos contou sempre o contrario. De todos xeitos Echoes of Silence está feito á marxe do cinema. Todo quedaba dito no primeiro intertítulo, debuxado a man polo propio cineasta, a modo de introdución, a páxina dun diario íntimo, proxectada de súpeto nunha pantalla demasiado grande. «Esta foto é dunha casa no tranquilo barrio de Greenwich Village, en Nova York. Vivín no apartamento do terceiro andar O segundo andar primeiro estivo ocupado por Stasia. Cando ela marchou, Miguel converteuse no inquilino. Nunca se atoparon malia frecuentar os mesmos bares e ter algúns amigos en común. Viraj vivía onde podía. En ocasións visitaba a Stasia. Ás veces eu acompañábaos coa miña cámara. Así é como xurdiu este filme».

A intención? Manter día a día a crónica dun fato de mozos beatnicks movéndose no anonimato baleiro dunha cidade-ogro: Nova York. Nova York e o seu concepto enorme da democracia, é dicir, da multitude. E que sería deste concepto de multitude totalmente americano se non estivese acompañado de toda esa soidade esparexida? Echoes of Silence négase a ver desaparecer gradualmente os corpos e as caras que pasan. Quere arrincarllos á multitude que os traga. Nova York é unha cidade-vampiro e Miguel vaga por Nova York coma un Nosferatu poético. Tras el, o contrabaixo de Charles Mingus latexa, berra.

Unhas semanas máis tarde, na Cinemateca Francesa, Jean-Claude Biette amosará, ao final dunha conferencia, unha curtametraxe descoñecida de Goldman, Pestilent City, realizada en 1965, algúns meses despois de Echoes of Silence. Outro berro de carraxe botado desde a gorxa de Nova York, filmada coma unha cidade inhumana, a cámara lenta e en negativo. Goldman aparecíaseme cada vez máis coma un Murnau tolo, chegado da noite dos tempos, traendo de novo aos anos 60, coa violencia da cultura da xente nova e a brutalidade do underground, os grandes dilemas entre o cinema mudo, o cinema da forza dos rostros e da fotografía, o poder da imaxe inmóbil. Goldman é, ao mesmo tempo, un cineasta da multitude, do vagar, do movemento, e un cineasta do fotograma, da imaxe que se inmobiliza de súpeto por esgotamento, por condensación de afectos.

2.

Despois foi preciso indagar un pouco, investigar, pescudar quen era ese tipo, como ese cinema fóra das regras fora quen de xurdir, case da inconsciencia total. Sóubose que Peter Emanuel Goldman licenciárase en Inglés e Historia na Universidade de Brown, en Providence. Que en 1960 foi a París a estudar Historia na Sorbona. Que en 1961 se inscribe en Berkeley mais pasa a maior parte do tempo nun ximnasio de boxeo. Máis tarde enrolarase nun barco ata Venezuela. Á súa volta, o seu pai agasallarao cunha cámara de Súper 8. En 1962 volve a París e escribe sobre arte no Paris Herald Tribune. A finais de 1962, de novo en Nova York, comparte un apartamento en Greenwich Village. Merca unha Bolex de 16mm a manivela e comeza a filmar a mozas e a mozos, anónimos ou amigos, que pasan por ese apartamento. É así como nace Echoes of Silence.

A película, obsoleta, non custa máis que 50 centavos por unidade. Miguel, o protagonista, ao comezo era o técnico de iluminación. A montaxe faise pola noite, a música sae dos discos espallados polo apartamento. Le sacre du Printemps de Stravinsky, Semyon Kotko Suite de Prokofiev, Haitian Fight Song de Charles Mingus. Susan Sontag mira o filme ao comezo de 1965 e entusiásmase. Goldman proxecta o filme no Soho, nas sesións nocturnas do Film-Makers Coop, Jonas Mekas escribe sobre Echoes of Silence no Village Voice e o filme é seleccionado no Festival de Pésaro en Italia, viveiro do «cinema novo».

Estréase en salas de Nova York, cunha copia en 35mm. A estrea francesa é prohibida pola censura. Italia igualmente censurará o filme. Goldman tamén roda en 1964-65 algunhas curtas aparentemente perdidas: Recommended by Duncan Hines, ou Night Crawlers. Tan só se salva Pestilent City, rodada na rúa 42 e en Time Square. .En 1965, Goldman realiza por 10.000 dólares The Sensualists, un filme erótico que lle encarga Stanley Borden, produtor de películas destinadas ás salas da rúa 42. Do filme non quedan hoxe máis que algúns anacos. Goldman casa cunha moza danesa, Birgit Nielsen, que aparece na súa terceira longametraxe, Wheel of Ashes, filmada en París entre 1967 e 1968 coa axuda dunha bolsa que obtén grazas a Jean-Luc Godard. O filme, rodado en sete semanas, con Pierre Clémenti no papel principal, evidencia unha crise mística. Clémenti, que como moitos franceses da época non fala inglés, entende o título dun xeito completamente diferente: «We Love Haschisch».

3.

Sol frío. París 1968 iluminada por unha luz xelatinosa, vía láctea pavimentada de mozas e espectros. O home que camiña é o irmán do home que dorme. O seu somnambulismo letárxico, o seu vagar paranoico está obstaculizado polas visións: visións de divindades, de pernas cinguidas en fundas de coiro. Os anos 60 descubrían as minisaias e as botas altas. Camiñar pola rúa volvía ter sentido. Daquela el camiña cos ollos ben abertos, perplexo. «Pero cheiro a primavera. E coa primavera cheiro as mulleres». Frecuenta os cafés ata que o amor o asolaga. El camiña, camiña, levando a súa soidade ata o extremo máis duro. Camiñar, tropezando coas pantasmas da cidade, aprender a primeira lección: o camiñante, o vagabundo, o drogadicto, o místico, o tolo, son os estados avanzados dunha mesma revelación. Polo tanto el camiña, en abstinencia, nun estado supernaturalista, agardando nos parques, coma un anxo exterminado, descarnado, paseando a súa ollada polos escaparates das tendas de Saint-Germain, vagando polos Cinéacs[2], polos Peep-Show, sumido nos vapores bohemios da libraría Shakespeare & Compagnie. Entra nun cinema: están poñendo Paranoia de Adriaan Ditvoorst, a moza ao seu carón leva minisaia –distracción e tentación. O seu camiño remata nun bordel da rúa Saint-Denis, amor a cen francos.

Wheel of Ashes é o diario íntimo dun americano perdido en París, Peter Emanuel Goldman e o seu dobre Pierre Clémenti, aprendendo a converterse no «home verdadeiro», na procura da elevación. «Din que me afasto da realidade, pero a única realidade que coñezo é o caos».

En Echoes of Silence, Peter Emanuel Goldman resume Nova York nunha serie de silencios illados. En Wheel of Ashes busca o amor, comeza a súa crise mística, filma o estancamento nunha habitación de hotel na Bastilla. A roda énchese de cinsas a medida que a bobina da película xira e se consome. Virá o Anxo? E a muller? E o neno? Nado de novo, acadará a iluminación?.

4.

Tras esta crise, Peter Emanuel Goldman vivirá primeiro nun ashram en Francia, e marchará despois cara a Dinamarca e Israel. Nunca máis volveu facer filmes.

Philippe Azoury

 

[1] Jean-Claude Biette, Cahiers du cinéma, 188, marzo 1967

[2] Salas de cinema que proxectaban unicamente filmes de información.

EOS

Echoes of Silence

Peter Emanuel Goldman, 76', 1965, EUA
Escrito, dirixido, fotografado e editado por Peter Emanuel Goldman
Asistentes: Riva Freifeld, Michael Sheridan
Música: Charles Mingus, Igor Stravinsky, Serge Prokofiev, Pete Seeger.
Con: Miguel Chacour, Stasia Gelber, Viraj Amonsin

Miguel, Stasia e Viraj, tres mozos de Greenwich Village, deambulan sen rumbo por unha angustiosa Nova York. Tratan de atopar sentido ás súas vidas, e tamén buscan sexo.

PCITY

Pestilent City

Peter Emanuel Goldman, 16', 1965, EUA
Escrito, dirixido, fotografado e editado por Peter Emanuel Goldman
Asistente: Birgit Bogh Nielsen

Retrato dantesco dunha metrópole alienada. A Nova York de Goldman certamente non é a mesma que a de Woody Allen.

TheSensualists

The Sensualists

Peter Emanuel Goldman, 80', 1966, EUA
“Filmes perdidos, destruídos e incompletos”

Despois dun forte desengano amoroso, Katrina deixa o seu Dinamarca natal para ir a Nova York. Alí coñecerá a Sharon, unha camareira de Greenwich Village que lle ofrecerá o seu apartamento.

Esta película erótica, desaparecida despois de 1968, foi filmada por Goldman imitando diferentes estilos, desde Godard ata Bergman pasando por Truffaut ou Bertolucci. O seu produtor odiouna e Brian de Palma escribiu un divertido artigo sobre ela no Village Voice. Todo o que queda de The Sensualists hoxe en día é un trailer en 35mm e 8 rolos de brutos en 16mm sen son, que vos mostramos en exclusiva grazas á axuda da Cinemateca Francesa.

A sesión inclúe tamén os primeiros curtos de Goldman: Recommended by Duncan Hines (1963, 4 min) and Nightcrawlers (1963, 4 min).

WOA

Wheel of Ashes

Peter Emanuel Goldman, 95', 1968, Francia-EUA
Escrito e dirixido por Peter Emanuel Goldman
Produción: Stephen Ujlaki
Fotografía: Tristan Burgess, Pierre-William Glenn, Peter Emanuel Goldman
Montaxe: Joële Van Effenterre
Música: Hugh Robertson, Olivier Taïariol
Debuxos: Stasia Gelber, Pierre Besançon
Con: Pierre Clémenti, Katinka Bo, Pierre Besançon, Richard Leblanc, Juliet Berto

Un mozo perturbado e atormentado, interpretado por Pierre Clémenti, íllase do mundo coa esperanza de atopar a Deus a través do misticismo oriental. Con todo, isto provocará unha terrible loita interior entre a súa natureza mística, os seus impulsos sexuais e o seu amor cara a unha muller.

Tui