Benvidos a Play-Doc 2013!
Ross McElwee, convidado de honra na pasada edición do festival, nos dá a benvida a Play-Doc 2013:

"Como é posible que a experiencia de presentar as túas obras nun festival sexa á vez calmante e estimulante? Dalgunha maneira iso é o que Play-Doc foi para min. Ten moito que ver co ambiente acolledor de Galicia, que ofrece un contexto relaxado para poder ver películas e charlar sobre elas con amigos e veciños. Non quere dicir que as películas que se mostraban non foran un reto para os asistentes. O traballo do realizador armenio Artavazd Pelechian -cuxa obra é radicalmente poética e sen concesións- foi, de seguro, un descubrimento para a maioría. Pero, ademais do pracer de presentar as miñas películas a unha audiencia entregada e curiosa, encantoume como o festival podía continuar nas noites, mentres cenabamos pratos deliciosos e charlabamos nos restaurantes próximos -ás veces mesmo na compañía de persoas de entre o público. E ás veces mesmo á mañá seguinte, flotando sobre o río Miño e degustando un albariño.

O nirvana dos documentalistas. Viva Play-Doc!"

Ross McElwee

A realidade é poliédrica; ambigua, complexa, chea de paradoxos e contradicións. Intentar reflectila de maneira fiel é unha labor ben difícil.
Se cadra o único camiño xenuíno para capturar a súa esencia sexa o da honestidade. Alí onde a obxectividade non é máis que unha cuestión de integridade persoal e onde non existen respostas; tan só preguntas, procesos, incertezas e procuras.
Pode que entón poidamos albiscar algo desa realidade intricada e inasible. Que descubramos tamén sen sorpresa, que na historia de cada individuo está escrita a historia de toda a humanidade.
É ese recoñecerse no outro, esa empatía fundamental, o que impregna o programa que vos ofrecemos nesta novena edición de Play-Doc.
Porque ao cabo o cinema non é máis que o acto de mirar e mirarse a un mesmo. De ver e de reflectirse.
Agardamos que vos guste a experiencia,

Play-Doc