Acta do xurado, formado por María Campaña Ramia, Artur Liebhart e Vetton Nurkollari.

Os programadores non nos deron unha tarefa doada. Cada filme da selección leva consigo unha profunda visión cinematográfica, alíñase co espírito innovador de Play-Doc e representa os mellores valores da escena documental contemporánea.

Na competencia á mellor curtametraxe escollemos un filme executado con precisión e levado polas emocións. O director conduciunos durante cinco minutos por unha viaxe a través da vida, liviá no seu sentir e profunda no seu significado. O premio á Mellor Curtametraxe Documental é para Jay Rosenblatt por The D Train.

(Premio de 2.000 € + trofeo)

En Play-Doc descubrimos e apreciamos especialmente unha película que nos levou de volta á esencia do cinema. Aínda que manténdose fiel a un concepto cinematográfico desde o inicio, o director é valente e sensible e permite que a realidade interveña, facendo desta película unha pequena obra mestra con múltiples capas. O premio á Mellor Longametraxe Documental é para Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, unha película que nos devolveu a esperanza no cinema como unha ferramenta para o diálogo entre os seres humanos. A súa mensaxe humanista quedará connosco por un longo tempo.

(Premio de 5.000 € + trofeo)

O xurado querería outorgar unha Mención Especial a The Arbor por cuestionar as nosas nocións sobre o cinema.
Xornalista, crítica cinematográfica, produtora e realizadora de documentais. María estudou Comunicación Audiovisual en Quito, Teoría Cinematográfica en Montpellier e un Máster de Produción e Realización de Cinema Documental en Estrasburgo. A súa experiencia profesional repártese entre Ecuador, Francia, Israel e o Reino Unido. É Directora Artística do Festival Internacional de Cinema Documental ‘Encuentros del Otro Cine’ (EDOC) que se realiza en varias cidades de Ecuador desde 2002. María escribe sobre cinema e viaxes en revistas e xornais de Ecuador e no seu blogue archibaldodelacruz.blogspot.com.
 
Licenciado en Ciencias Económicas e Filoloxía Inglesa pola Universidade de Pristhina, Kósovo. No ano 2002 co-fundou Dokufest Prizren, o maior e máis importante festival de cinema do seu país, do que actualmente é Director Artístico e Responsable de Programación. Veton tamén é comisario de DokuPhoto, unha mostra anual de fotografía documental que se organiza paralelamente ao festival de cinema. Tamén é membro do comité de selección do ‘Cinema Eye Honors’, unha organización que recoñece e premia a mestría no cinema de non-ficción. Veton participou como xurado en diversos festivais internacionais e ocasionalmente escribe sobre cinema e música para o diario ‘Express’ e o semanal ‘Java’.
 
Licenciado en Ciencias Políticas e Psicoloxía Social pola Universidade de Varsovia. Desde 2004 dirixe o festival ‘Planet Doc Film Festival’ en Varsovia e é Director Executivo da distribuidora de cinema documental Against Gravity.