"PROVOCO Á REALIDADE PARA PRECIPITALA"
O realizador polaco Marcel Lozinski abriu onte en Play-Doc con aplausos a súa primeira retrospectiva en España. Continúa ata o domingo e mañá dará unha clase maxistral sobre o seu método de "abrir a realidade".
Tui. 1 de abril de 2011. O director polaco Marcel Lozinski tivo onte a súa primeira sesión dun ciclo con sete películas que permitirá por vez primeira ao público español coñecer a súa figura, fundamental para entender o cinema do seu país a cabalo entre os 70 e 80 e autor clave do documental contemporáneo. Entre os seus numerosos recoñecementos destaca o nomeamento ao Oscar en 1994 por A 89 mm. de Europa, un filme que os espectadores poderán ver na sesión de hoxe á noite e que el considera "unha metáfora das diferencias entre as dúas Europas, que deberían estar unidas". Nesta liña, a súa traxectoria está marcada polo seu método de "abrir a realidade". Nel, Lozinski fai que as persoas retratadas interpreten roles en contextos reais para forzar situacións significativas que falen da condición humana e que son tamén un estudo sociolóxico da comunidade retratada en cada momento. "Provoco á realidade para precipitala, para ir máis aló da superficie e investigar nas profundidades, facer saír todo o que está agochado", explica o autor a este respecto.

É a técnica que podemos ver en Happy End, na que un traballador é literalmente xulgado con crueldade nunha asemblea dunha fábrica dos tempos do réxime soviético, criticando os mecanismos de represión do sistema. "As películas que produciamos ían para un armario, pero en 1981, na primeira asemblea do sindicato Solidariedade, a xente facía colas enormes para velas porque falaban do seu sentir", explica Lozinski sobre o réxime, un réxime que censurou moitos dos seus filmes durante anos. É o caso de Como vivir, longametraxe polémica que moitos consideran ficción antes que documental porque o director volve forzar esas situacións con actores, desta volta nun campamento para familias no que se corrixen as malas condutas e os máis obedientes á dirección son recompensados. Lozinski mesmo coloca un colega de infiltrado dentro da directiva do partido comunista elixida para coordinar esa aparentemente inofensiva actividade de verán. Sobre este tema, o realizador expón que "non distorsiona a realidade, simplemente fai saír cousas das que doutro xeito non podería falar".

Outro dos filmes esenciais da retrospectiva é Todo pode ocorrer. Aquí, como noutras ocasións, Lozinski usa o seu fillo Tomaszek ("que era con seis anos aínda unha mente libre sen as normas de pensamento impostas polo sistema educativo", di) para que interveña con xentes diversas no lugar de filmación. Neste caso, é o protagonista absoluto nun parque no que se pon a falar cos velliños sobre a existencia humana en clave positiva e esperanzadora. Un instantáneo e tenro exercicio que cativará os espectadores na sesión de hoxe á noite. Completan o ciclo O meu posto, retrato irónico dos empregados dun hotel no que cada un dos protagonistas cre ser a peza máis importante da organización; a intensa Para que non doa, que provocou onte un interesante debate en torno á forma violenta que ten o cinema de mostrar a esencia das persoas a unha vasta audiencia; e O tacto, sobre un curandeiro que di ter poderes sanatorios e de corte máis observacional que as demais.


Máis información en www.play-doc.com.

CONTACTO:
prensa@play-doc.com
tlf. 686876029