ÉXITO TOTAL DE OLIVER LAXE EN PLAY-DOC
O festival abriu onte sección oficial co seu filme Todos vós sodes capitáns, premiado en Cannes, e continúa hoxe con tres novas cintas a competición e a retrospectiva de Marcel Lozinski, mestre polaco do documental.
Tui. 31 de marzo de 2011. O Teatro Municipal de Tui quedou onte ateigado de asistentes que acudiron ver o filme de Oliver Laxe Todos vós sodes capitáns. Esta película, gañadora en Cannes do premio Fipresci, abriu unha sección oficial na que once títulos chegados de todo o mundo, e que supoñen unha selección das últimas tendencias do mellor cinema documental contemporáneo, competirán por premios con valor de 7.000 euros ata o 3 de marzo. A cinta explica o proceso de traballo do director cun grupo de rapaces da rúa nun obradoiro de cinema organizado en Marrocos. É un exercicio estético de alto nivel, así como unha reflexión sobre o cinema etnográfico, entre tantas outras cousas, realizado por un autor con ollada propia, o que sitúa a Laxe como un dos directores a seguir no novo panorama do cinema español.

No coloquio posterior á proxección, no que o público participou activamente, Laxe explicou que gusta de rodar en celuloide, pois "obriga a aceptar a imaxe" porque "non hai plan B". "No fondo todas son xustas", engadiu, "e iso transmite unha enerxía ao equipo" que non é posible co dixital. Laxe interpreta en parte un personaxe de ficción no que "instrumentaliza" os nenos para reflexionar sobre o neocolonialismo. "Poño en dúbida o concepto de cooperación, que me parece moi perigoso", dicía cara o final da súa intervención.

O festival segue hoxe cunha programación de luxo na que se poderá ver a última peza do austríaco Peter Tscherkassky, mestre do cinema experimental que trae a PlayDoc Coming Attractions. Dúas longametraxes da sección oficial achégannos as olladas máis interesantes do documental contemporáneo. Esas son The Arbor e O día do mineiro. Andrey Gryazev, director desta última, estará presente na sala para explicar o proceso creativo da súa triloxía sobre un obreiro ruso, co que xa rodara Sanya e Pardal e co que pretende filmar unha terceira vez en breve.

A xornada pecha coa primeira sesión da retrospectiva de Marcel Lozinski, a primeira que se lle fai en España. Este importante autor polaco mesturaba xa realidade e ficción nos anos 70 co seu método de "abrir a realidade", práctica agora habitual pero que neses anos foi unha revolución. O ciclo contará con dúas novas sesións mañá e o domingo coa presenza do seu autor, que impartirá tamén unha clase maxistral o sábado á que están convidados todos os cinéfilos que se queiran achegar a esta figura clave para entender o documental dos últimos trinta anos.


Máis información en www.play-doc.com.

CONTACTO:
prensa@play-doc.com
tlf. 686876029