CARLOS NÚÑEZ ESTREA DOCUMENTAL EN PLAY-DOC
Poderán verse tamén as producións galegas Todos vós sodes capitáns, do gañador en Cannes do premio Fipresci Oliver Laxe, e Manuscritos pompeianos, unha curta experimental de Marcos Nine.
Tui. 16 de marzo de 2011. O Festival Internacional de Documentais Play-Doc, que se celebrará en Tui do 30 de marzo ao 3 de abril, inaugúrase coa película Brasil somos nós, un documental no que o coñecido músico galego Carlos Núñez, vai na procura do seu bisavó desaparecido en Brasil, supostamente asasinado por outro músico. Alí descubrirá parte das súas orixes e sentirá os vínculos que o atan á tradición musical galaico-portuguesa. O filme amósanos tamén o proceso de gravación do seu recoñecido último disco, Alborada do Brasil.

Pola súa banda, Oliver Laxe compite na sección oficial con Todos vós sodes capitáns, cinta que se alzou co premio da crítica na Quincena dos Realizadores en Cannes e que documenta o proceso dun obradoiro de cinema que o realizador fixo en Marrocos con rapaces da rúa. O proxecto ten moito de pedagoxía, pero resulta ser tamén unha reflexión sobre o cinema etnográfico feito en colonias europeas e un belo poema visual. Ademais, a película sitúase entre a ficción e o documental, característica que comparte co protagonista da retrospectiva do Play-Doc deste ano, Marcel Lozinski (primeira que se lle fai en España), e con outros filmes a concurso como The Arbor ou Os espidos de San Petersburgo.

Tamén entra a concurso a curtametraxe do galego Marcos Nine, Manuscritos pompeianos, onde recolle fotografías de pintadas nas paredes tiradas por simple curiosidade en distintas partes do mundo. Nine proba que as mensaxes urbanas, os principais temas que preocupan á humanidade, veñen sendo os mesmos dende Pompeia aos nosos días. Métodos semellantes de recuperación de imaxes atopamos nas obras dos reputados Peter Tscherkassky, con Coming Attractions, ou en The End of The World Begins With One Lie, estrea en España, do mestre do cinema underground Lech Kowalski. Con esta programación, Play-Doc pretende promover o debate sobre as últimas tendencias do documental.


Máis información en www.play-doc.com.

CONTACTO:
prensa@play-doc.com
tlf. 686876029