VOLVER
THE SPINTO BAND TOCARÁN DOUS TEMAS INÉDITOS HOXE Á NOITE
Anunciárono xunto a Chrystophe Abric, creador da prestixiosa páxina web musical La Blogothèque, con 18 millóns de usuarios, que corre o perigo de ser pechada pola SGAE francesa.
Marina Lutz e Boris Mitic descubriron que os seus filmes a competición teñen algo en común: “A vinganza mediante a montaxe”, en palabras da primeira.

Como se adiantaba onte, Chrystophe Abric, fundador de La Blogothèque, proxecto web famoso polos seus concerts à emporter (concertos para levar), está preocupado polo posible peche da súa páxina ao ter que pagar uns dereitos de autor que lle demandan de súpeto logo de cinco anos de duro traballos sen ningunha queixa.

Coñeceu a noticia hai dous días, e non podendo afrontar un pagamento que ascende a unha cifra con cinco ceros que prefire non concretar, difundiu un comunicado como medida de presión na internet que lle está permitindo negociar esta situación.

Como recordaba hoxe á mañá o co-director de Play-Doc Ángel Sánchez, “a web conta con 18 millóns de visitantes e é a segunda canle de YouTube en Francia”. Pero Abric quíxolle restar importancia ao asunto falando do que a el verdadeiramente lle interesa, os seus vídeos.

“A idea é mesturar un pouco o vídeo musical co documental”, explicou, engadindo que seguiu unha intuición que lle facía pensar que “a xente estaba demandando este tipo de contidos”. O tempo deulle a razón. Catro anos despois, levan gravados 500 concertos con 150 bandas, algunhas tan coñecidas como R.E.M. ou Tom Jones, e outras con menos sona pero igual de importantes, véxanse Vampire Weekend ou Dominique A.

“A primeira vez que lancei a idea, levoume un ano conseguir un grupo, porque ninguén o entendía. Chamaba ás discográfica e preguntábanme: ‘Pero que queres, unha entrevista, fotos, unha sesión gravada?’. E eu respondía: ‘Non, quero levalos dar un paseo en autobús’”, comentou con humor.

Este primeiro grupo acabou sendo The Spinto Band, banda que toca hoxe na sala Metropol de Tui, regalando aos asistentes dous temas inéditos, anunciaron na rolda de prensa.

A montaxe como vinganza
Importante tamén a oportunidade de hoxe ás 22.30 de ver Marina e o experimento, filme de Marina Lutz que vén de gañar varios premios internacionais, pasando antes de chegar a Tui por Clermont-Ferrand, onde a prestixiosa revista Cahiers du Cinéma falou con ela para lle publicar unha entrevista a dobre páxina, exemplar que ensinou con orgullo.

“Meu pai pasou os primeiros 16 anos da miña vida documentando todo o que eu facía. Só despois do seu falecemento, e mirando o seu arquivo, cheguei a comprender que era un pedófilo”, dixo resumindo a película. “El manipuloume durante todo ese tempo e eu agora víngome mediante a montaxe, uso ese material para manipulalo a el”, engadiu.

Aí Boris Mitic, que presentou onte Adeus, como estás?, atopou un punto de unión. O seu filme fala sobre a guerra na antiga Iugoslavia. “Ten unha función catártica e de vinganza a través do humor”, comentou este cineasta serbio, que usa 24 aforismos para facer burla dos inimigos do seu país, “un número moi simbólico porque quería expresar que as 24 horas do día temos ese sentimento opresor, é constante, e polos 24 fotogramas que ten un segundo de película”, dixo.