VOLVER
AGADIC APOIA O OBRADOIRO RETRATO-MEMORIA DE PLAY-DOC PARA “PLANTAR UNHA SEMENTE QUE SEGUE MEDRANDO”
María Paredes, coordinadora de actividades externas de Agadic, explicou hoxe o proxecto xunto á encargada deste, a docente e produtora Marta Andreu.
Os directores Akosua Adoma Owusu e Miro Remo presentaron as súas películas, que “falan da identidade e de como a diferenza pode ser un valor”.

O Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebra na localidade pontevedresa do 17 ao 21 de marzo, presentou hoxe o Retrato-Memoria, obradoiro que conta co apoio de do Foro Creativa de Agadic.

María Paredes Rodríguez explicou que este proxecto pretende unir artistas do norte de Portugal e de Galicia, e dixo da iniciativa de Play-Doc que “é pioneira e debería ser un dos puntos fortes” de continuidade do festival.

Na mesma liña foi Ángel Sánchez, co-director do festival, que comentou que isto é como “plantar unha semente que segue medrando”, pois o obradoiro comezou o pasado ano e continuará ata completarse dentro de tres edicións.

A súa coordinadora, a docente e produtora Marta Andreu, explicou como dous realizadores portugueses, unidos a outros de toda España, están a realizar un retrato de dez persoas de Tui, convivindo con eles toda a semana. “O tempo pasa tanto para os que están detrás como diante da cámara”, destacou recordando que retratista e retratado son xa da familia.

“Capturar toda unha vida en dez minutos é todo un reto cinematográfico” que se une á difícil pregunta de “como retratar iso que está ausente”, engadiu. O domingo presentarase a montaxe deste traballo conxunto.

A identidade como valor
Logo desta presentación, os realizadores Akosua Adoma Owusu e Miro Remo falaron das súas curtametraxes a concurso. Sara García, co-directora de Play-Doc, destacou que “falan da identidade e de como a diferenza pode ser un valor”.

Mentres que a autora africano-americana explicou que “todo o mundo ten a capacidade de construír como queira a súa identidade”, algo que queda patente en Me broni ba, filme sobre a cultura do peiteado en Ghana; Remo explicou que o seu tío, ao que captura en Patas para arriba, “é un home estraño que se dedica a descubrir morcegos e fotografalos, ninguén o entende e ten un modo de vivir que está fóra da sociedade”. E engadiu na liña de Owusu que “se hai algún problema cara estas persoas, non é culpa deles, senón nosa”.

Máis información na páxina web do festival www.play-doc.com

Contacto: prensa@play-doc.com
Tlf. 650073408 / 986607161

Dirección do festival: 630076818 / 625112791