VOLVER
PLAY-DOC ESPERTA O INTERESE ENTRE DOCUMENTALISTAS DE TODO O MUNDO
O festival internacional de documentais galego confirma unha vez máis a súa proxección exterior, proba diso son as máis de 800 obras procedentes de todo o mundo inscritas para participar na sexta edición deste certame que terá lugar do 17 ao 21 de Marzo de 2010.

Play-Doc fíxose un oco no calendario internacional dos festivais dedicados a este xénero grazas, entre outras cousas, á ampla lista de recoñecidos realizadores que xa pasaron por este evento, como Lech Kowalski, Victor Kosakovski, Avi Mogravi, Rithy Pahn, Carles Bosch, Audrius Stonys, e un longo etc.

Actualmente Play-Doc ultima os preparativos do seu programa de cara a esta vindeira edición na que se poderá gozar de novo dunha coidada selección de documentais de recente produción, e de traballos de coñecidos cineastas como Jay Rosenblatt, Raymond Depardon, ou Boris Mitin, entre outros, o que pon de manifesto a súa clara vocación internacional e o seu marcado carácter independente.

Destaca tamén a importante presenza de cineastas do noso país con especial atención ás producións galegas. Neste sentido Play-Doc, realiza ademais, un importante labor de formación a través de obradoiros, foros e seminarios, dotando de posibilidades aos novos cineastas para entrar en contacto con novas formulas cinematográficas da man de destacados profesionais.

Play-Doc máis que un festival de cinema.

Unha das peculiaridades do festival tudense é o seu carácter multidisciplinar, así, na súa programación ofrece exposicións e concertos a cargo dalgúns os protagonistas das películas que se exhiben durante o certame. Unha formula que permitiu contar coa presenza destacados músicos como Mad Professor, Rosenberg Trio, Thomas Truax, Mostar Sevdah Reunion, Dead Combo, e artistas plásticos tales como Ron English ou o iraniano Jamshid Aminfar.

Esta orixinal combinación entre cinema e outras artes serviu que para que Play-Doc acadase a sorprendente cifra de 30.000 espectadores nas súas pasadas cinco edicións.

Moi pronto se coñecerán os contidos definitivos dunha edición que de novo aposta pola calidade.

Play-Doc >> Rúa Colón 2- Edificio Área Panorámica 2º andar
36700 TUI- Pontevedra, Spain- tel. 0034 986 607161 // 0034 630 07 6818
http://www.play-doc.com