VOLVER
PLAY-DOC, FESTIVAL INTERNACIONAL DE DOCUMENTAIS, PREPARA A SÚA SEXTA EDICIÓN
Destaca a presenza dos recoñecidos Jay Rosenblatt e Raymond Depardon, nun festival multidisciplinar con exposicións dos artistas galegos Antón Lamazares e Manolo Paz.
Un ano máis, a música cobra un grande protagonismo en Tui cos creadores da web La Blogoteque e os concertos de The Spinto Band e Batida.

Do 17 ao 21 de marzo próximos, poderanse ver un total de 31 películas que conforman o programa da nova edición deste certame que, ademais de terse consolidado no calendario internacional de festivais dedicados ao xénero documental de autor, suscita o interese de profesionais e afeccionados de toda España e de Europa.

As 31 obras foron seleccionadas de entre as máis de 800 recibidas procedentes dos lugares máis diversos do mundo; a mesma diversidade que reflicten as temáticas das películas que os cineastas foron enviando nos últimos meses.

O programa do festival contará cunha sección competitiva con tres categorías (Longametraxes Documentais, Curtametraxes Documentais e Documentais Galegos) entre as que un xurado internacional repartirá un total de 9.000 € en premios.

Ademais, o festival presentará na súa sección informativa dúas importantes retrospectivas dedicadas a dous realizadores de recoñecido prestixio internacional como son o francés Raymond Depardon e o norteamericano Jay Rosenblatt.

Tamén destaca a presenza dos creadores da xeitosa web francesa La Blogotheque, unha das propostas audiovisuais máis interesantes que se poden atopar actualmente na rede.

Play-Doc, moito máis cun festival de cinema
Un ano máis, Play-Doc pretende demostrar a enorme capacidade que ten o documental para interactuar con outras disciplinas artísticas. Así, o programa da súa sexta edición inclúe importantes eventos paralelos como talleres ou exposicións e concertos a cargo dos protagonistas das películas presentadas no festival.

Prestixiosos artistas coma o pintor Antón Lamazares ou o escultor Manolo Paz presentarán algunhas das súas obras máis representativas. Mentres, no ámbito musical destacan os concertos en directo dos norteamericanos The Spinto Band ou os angolanos Batida.

Play-Doc 2010 converterá de novo a cidade de Tui nun lugar centrado no cinema máis independente, innovador e comprometido da actualidade, nunha cita ineludíbel para os amantes do documental.

Máis información en breve na páxina web do festival www.play-doc.com.