O POLÉMICO DIRECTOR FRANCO-CANADENSE DOMINIC GAGNON, CONVIDADO ESPECIAL DE PLAY-DOC 2017

16 Feb 2017
RIP IN PIECES AMERICA

– O festival mostrará unha retrospectiva cos seus traballos a partir de material atopado en internet. Gagnon ofrecerá ademais unha extensa masterclass e un programa de Cinema Direct canadense

 -Dentro da retrospectiva atoparemos a súa triloxía americana, realizada ao comezo do mandato de Obama e na que se vaticina a chegada ao poder de Donald Trump

Tui, 16 de febreiro de 2017. A décimo terceira edición de Play-Doc, que terá lugar en Tui do 22 ao 26 de marzo próximos, terá como convidado especial e dedicará unha retrospectiva ao realizador franco-canadense Dominic Gagnon. Os títulos que conforman esta retrospectiva céntranse exclusivamente no seu traballo de montaxe a partir de material atopado en internet.

Coma se fose un antrópologo da web, Gagnon interésase polos vídeos anónimos que a xente colga en YouTube, a modo de mensaxes desesperadas nunha botella lanzados ao ciberespazo. Ao trasladalos da pantalla dun computador á pantalla dunha sala de cine, o director crea unha especie de comunidade, na que estas voces solitarias dialogan entre si e adquiren un novo significado. O resultado é unha abafadora análise da sociedade contemporánea, chea de elementos tragicómicos, entre a solidariedade e a provocación.

Atoparemos neste programa as perturbadoras Big Kiss, Good Night, RIP in  Pieces America e Pieces and Love All to Hell,  que conforman a súa triloxía americana. Realizada ao comezo do mandato de Obama, en plena crise económica e baixo a ameaza da chegada dunha nova orde mundial, esta triloxía ofrece un inquietante retrato dos demos que perturban ás masas anónimas dun país afectado por vellos prexuízos e novos odios; un paseo salvaxe e subversivo entre medos suprimidos, fantasías paranoicas, historias de chiflados e lúcidas valoracións do futuro. Vista agora, esta triloxía cobra un significado especial xa que vaticina a chegada de Donald Trump a presidencia dos Estados Unidos de America.

A primeira do tres películas céntrase nun só individuo cuxo nome de internauta é Joetalk100. Recentemente saído do cárcere, enfermo de diabetes e con necesidades económicas, este personaxe a modo de antiheroe, lanza as súas diatribas interminables contra a clase política e mostra a súa indignación ante o que el considera a caída en picado do seu país. Os comentarios doutros internautas, como no coro dunha traxedia clásica, acompáñanlle ao longo da película cara ao seu fatal destino.

As seguintes dúas son un inquietante caleidoscopio de imaxes borrosas, de persoas enmascaradas ou disfrazadas, xentes furiosas e armadas que falan a cámara sobre a nova orde mundial, os sistemas de control, os mercados financeiros, o colapso da economía, a supervivencia, o seu odio á política, a Biblia, a constitución e o fundamentalismo cristián, e que convidan o levantamento con instrucións para a insurrección e consellos para a supervivencia. Mentres en RIP in  Pieces America son só homes os que falan a cámara, en Pieces and Love all to Hell, son as mulleres as que evocan imaxes dun futuro aterrador.

Tamén forma parte desta retrospectiva a hilarante pero igualmente perturbadora Hoax_Canular, realizada a partir de máis de 70 horas de vídeos subidos a YouTube  por adolescentes nunha soa noite, a véspera da gran Apocalipse. Hoax_Canular é unha profunda reflexión sobre como os máis novos fan súa a angustia xerada polos medios. Atopamos unha amplísima variedade de reaccións, e nunca sabemos onde acaba a parodia e comeza a sinceridade, non obstante a película consegue facer un vibrante e posible retrato dunha xeración nada na era dixital.

Por último pecha a retrospectiva a censurada Of the North, (mostrada na edición anterior do festival); unha resposta ao clásico do cine documental de Robert Flaherty Nanook of the North, realizada así mesmo con metraxe atopado en internet, de vídeos amateur subidos a YouTube, e cuxo resultado é un sórdido retrato dunha comunidade totalmente aculturada e desorientada. Entre as imaxes que os Inuit gravan de si mesmos atopamos cazarías, plataformas petrolíferas, abuso a menores, bebedeiras e basto exhibicionismo. Esta imaxe crúa dos esquimales, tan afastada da idealizada por Flaherty  un século atrás, desatou unha enorme polémica no seu país de orixe, facendo que a obra de Gagnon sexa vetada en festivais e salas de cine.

Cine Directo e masterclass

Gagnon considérase a si mesmo un herdeiro da máis pura tradición do Cine Directo, un tipo de xénero documental xurdido a finais dos 60 en Norteamérica e que tivo en Canadá unha especial relevancia. Dominic Gagnon selecciona nun programa especial dentro do marco do festival, as obras que máis influenciaron a súa formación como cineasta e que inclúe traballos de figuras seminales como Arthur Lipsett, Gille Groulx, Michel Brault e Claude Jutra, entre outros.

Así mesmo Gagnon ofrecerá unha clase maxistral de catro horas de duración no que nos mostrará en exclusiva fragmentos da súa última película, aínda en proceso de montaxe, Going South. Gagnon non só compartirá cos asistentes ao festival o seu particular e polémica maneira de facer cine senón tamén infinidade de anécdotas e achados extraordinarios nos seus moitos anos navegando pola net.

Unha vez finalizado o festival, Play Doc levará o ciclo de Gagnon a diferentes sedes, comou o  Centro  Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Coruña, o centro de cultura contemporánea Tabakalera de San Sebastián e a filmoteca de Valencia.

, , , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest