North by Northwest

Un dos obxectivos de Play-Doc foi sempre achegar ao público un cinema á marxe dos circuítos comerciais e darlle un maior alcance e visibilidade. Con esta intención, e desde hai uns anos, Play-Doc e R, a operadora de cable en Galicia, puxemos en marcha a Play-Doc TV, unha versión televisiva do festival en forma de plataforma de VOD.

Desde o seu nacemento en 2013, Play-Doc TV fidelizou a un número crecente de subscritores que teñen acceso a un catálogo exclusivo e variado, con moitas xoias raras e títulos inéditos, retrospectivas de cineastas de culto e películas de exitoso percorrido no circuíto internacional de festivais, cinema independente, obras de novos realizadores, documentais de música e tamén moito cinema galego de enorme calidade.

Este mes de abril Play-Doc TV dá un paso máis e expándese por todo o noroeste peninsular, sendo accesible non só en Galicia a través de R, senón tamén en Asturias, a través de Telecable, e en Euskadi con Euskaltel.

Para celebrar esta nova etapa queremos reforzar a nosa aposta polo talento máis próximo, sen renunciar a outros contidos, pero si poñendo o foco no cinema producido entre estas coordenadas. Baixo o título North by Northwest, –tomado do clásico de Hitchcock e que en realidade non existe como tal no compás–, propoñémosvos un pequeno adianto con tres importantes películas procedentes do Norte e do Noroeste.

in-memoriam

IN MEMORIAM (A DERROTA CONVÉN ESQUECELA)

Marcos M. Merino, 75'', 2018, Asturias
Dirección: Marcos M. Merino
Produción: Marta F. Crestelo
Fotografía: Marcos M. Merino
Montaxe: Álvaro Gago, Celia Martínez
Son: Óscar de Ávila

A aparición repentina de centos de miles de fotografías permiten coñecer os rostros que habitaron un val mineiro durante cinco décadas. Mentres tanto, un grupo de nenas, tres traballadores retirados e un experto arqueólogo traballan de forma illada na preservación da memoria dos seus antepasados. Non se coñecen entre eles nin coinciden nas súas motivacións, aínda que saben que a indiferenza vai ser o maior dos recoñecementos públicos que van a obter co seu esforzo. Por que facelo? Que recompensa obteñen? Para que serve coidar a memoria?

la-estrella-errante

LA ESTRELLA ERRANTE

Alberto Gracia, 67'', 2018, Galicia
Director: Alberto Gracia
Produción: Alberto Gracia, Felipe Lage, José Alayón (El Horlá Producciones, Zeitun Films, El Viaje Films)
Fotografía: Mauro Herce, Alberto Gracia
Montaxe: Alberto Gracia
Música: Jonay Armas
Son: Amanda Villavieja
Con: Nacho Alonso, Rober Soler Coloma, Humberto ‘El Gitano’, J. Manuel Hermelo

En 1984, Rober e a súa banda Los Fiambres, sacaban o seu primeiro e único disco El lado oscuro del Rock’n Roll. 30 anos despois, Rober viaxa a Vigo para atoparse con Nacho, un amigo fotógrafo. Alí descobre que neste tempo todo mudou. Nin el nin Vigo parecen estar xa presentes. Talvez a única saída sexa atopar a Ronnie. Será a praia o lugar desexado?

muga-deitzen-da-pausoa

MUGA DEITZEN DA PAUSOA – PASO AO LÍMITE

Maider Oleaga, 76'', 2018, Euskadi
Dirección: Maider Oleaga
Produción: Maider Oleaga, Izaskun Arandia, José Luis Rubio
Fotografía: David Aguilar
Montaxe: Pello Gutierrez, Maider Oleaga
Son: Haritz Lete, Jose Luis Rubio
Con: Maider Oleaga, Miren Tirapu, Anton Mendizabal, Mikel Ibarguren, Oihana Ibarguren, Haizea Ibarguren, Kontxita Beitia, Mikel Mendizabal, Xabier Muñoz, Lourdes Muñoz, Imanol Anza, Mari Karmen Mintxelena

Dúas mulleres atópanse nunha vella casa de Donostia (Euskadi). Unha está viva e é cineasta, a outra chámase Elvira Zipitria Irastorza e morreu en 1982. A cineasta descobre que vive nun lugar cargado de presenza invisible, de múltiples ecos apenas rescatables. Algúns resoan dende a ditadura franquista, tempo no que Elvira creou unha escola clandestina en euskera.

Tui