Noticias

Manfred Kirchheimer e Bette Gordon, protagonistas da XVII edición de Play-Doc

29 Xul 2021
unnamed-Manfred-Kirchheimer

Ao longo da súa traxectoria Play-Doc non só presentou as primeiras retrospectivas españolas de cineastas consagrados, contando coa presenza de verdadeiras lendas do cinema documental, senón que se esforzou por reivindicar a outros tantos magníficos realizadores cuxa obra foi ignorada, censurada ou que, sinxelamente, é descoñecida para a inmensa maioría.

Este é o caso de Manfred  Kirchheimer, un dos cineastas aos que Play-Doc rende homenaxe este ano, presentando a que será a súa primeira retrospectiva en España e que será tamén a súa primeira retrospectiva internacional. En 2017 o Museo de Arte Moderna (MOMA) da cidade de Nova York dedicoulle unha importante retrospectiva. A pesar de que a obra de Kirchheimer foi recoñecida e viaxou por festivais de todo o mundo, será en Play-Doc onde se mostrará a súa obra en conxunto por primeira vez fóra do seu país.

Nado en Saarbrücken (Alemaña), en 1931, Manfred  Kirchheimer emigrou coa súa familia a Nova York fuxindo do nazismo cando contaba con tan só cinco anos de idade. Cursou estudos de cinema no City College e tivo como profesor ao pintor e cineasta Hans Richter, pioneiro do cinema abstracto dentro do movemento Absolute Film. Unha vez graduado, Kirchheimer traballou co documentalista Leo Hurwitz, un dos fundadores do documental social norteamericano e quen foi perseguido durante o período McCarthy polas súas fortes crenzas políticas de esquerda. Ambas as influencias nótanse na obra de Kirchheimer, que centra o seu interese nas vidas e labores da xente da cidade, en particular daquelas minorías desprazadas como as da comunidade xudía de Washington Heights, á que el mesmo pertencía.

Desde as súas primeiras curtametraxes como Colossus on the River (1963) ata as súas obras mestras de madurez, como  Stations of the Elevated (1981), película de culto que se puido ver en Play-Doc 2017,  Kirchheimer revélase como un consumado poeta visual e un dos cineastas documentalistas máis extraordinarios e menos coñecidos no ámbito internacional. Como di un artigo publicado en The Guardian o pasado mes de xuño, “Kirchheimer é o mellor documentalista do que probablemente ninguén escoitase falar”. Aos seus 90 anos, o propio Manfred  Kirchheimer estará en Tui para presentarnos unha ampla retrospectiva da súa obra, que inclúe tamén a súa película máis persoal e controvertida: We Were So Beloved (1985) comparada pola crítica coas monumentais Shoah (1985), de Claude Lanzmann, ou Lle chagrin et la pitié (1969), de Marcel Ophuls. Ao fío, o festival galego presentará en estrea mundial algúns dos seus traballos máis recentes finalizados en 2021 e realizados durante a corentena.

Tamén a norteamericana Bette Gordon estará por primeira vez en España, no Play-Doc, presentando a súa obra no marco dunha retrospectiva que comprenderá os traballos que a cineasta norteamericana realizou entre 1974 e 1983. Aínda queBette Gordon foi celebrada con traballos máis recentes como The Drowning (2016) ou Handsome Harry (2009), película protagonizada por Steve Buscemi, a súa obra comprendida nesa década documenta a aparición dunha nova era na cinematografía radical. A selección de películas inclúe as tres colaboracións xunto ao recoñecido artista James Benning: Michigan Avenue (1974), I-94 (1974) e The  United  States of America (1975). Tamén se poderán ver as películas que Gordon realizou en solitario e nas que afianzou o seu interese polos motivos de xénero e por unhas estruturas narrativas máis tradicionais como Variety (1983), Empty Suitcases (1980), e Anybody’s  Woman (1981). 

Descuberta de novo recentemente, Variety é sen dúbida unha das películas independentes máis importantes dos anos oitenta, convertida hoxe en día en película de culto. Marabillosamente interpretada por Sandy McLeod, nela participa unha longa lista de nomes icónicos da vangarda  contracultural da época, como a fotógrafa Nan Goldin, a actriz Cookie Mueller e o actor Luís Guzmán. A película está  co-escrita por Kathy Acker, fotografada por Tom DiCillo e conta con música de John Lurie.

Ambas retrospectivas estaban previstas inicialmente para 2020 e tiveron que ser canceladas no último momento debido á pandemia. Ante a imposibilidade de contar coa presenza no festival dos seus realizadores, a organización de Play-Doc decidiu pospoñelas para esta edición, que por segunda vez consecutiva celebrarase do 22 ao 26 de setembro e non na primavera como viña sendo habitual. Play-Doc regresa á normalidade e retoma o seu carácter internacional, tras un ano marcado polos cambios e as restricións.

Share

Facebook Twitter Pinterest