Mañá toca bailar no Play-Doc

15 Abr 2016
dachick_

A xornada do sábado deste Play-Doc 2016 estará marcada polos eventos ao redor de Play-Doc Live!, en colaboración co festival Sinsal, e a estrea de A Poem is a Naked Person de Les Blank. A música será protagonista nunha intensa tarde inaugurada por este filme, que leva 40 anos nun caixón, logo de que o seu protagonista Leon Russell, lenda do country rock, decidira non mostrala ao público tras tela producida. O fillo do cineasta, Harrod, recuperouno hai pouco seguindo os desexos do seu pai antes de morrer. O resultado? A estrea dun filme de 1974 por todo o alto. Unha das mellores películas de rock’n’roll da historia do cinema. E despois, outra ración de bo blues e folque de Nova Orleáns con Always for Pleasure, filme tamén de Les Blank, que se proxecta xunto a Tres días. Un barco. Auga, de Alexandre Cancelo, sobre o festival de música Sinsal.

A irmandade entre Play-Doc e Sinsal traerá pola noite os concertos de DaChick e Youthless, que animarán a noite tudense na sala Metropol.

Outro dos eventos importantes do día será a presentación do libro Charles Burnett. Un cineasta incómodo, acompañada dunha clase maxistral na que o cineasta de Los Ángeles falará polo miúdo dos seus métodos creativos. Ao final, asinará libros e DVD aos asistentes que o desexen. Proxéctanse as súas películas My Brother’s Wedding e When it Rains.

Outras proxeccións do día inclúen a sesión sobre o cinema experimental iugoslavo dos anos 60 e 70, e as últimas películas de sección oficial e Resonancias, coa presentación de Oleg y las raras artes por Andrés Duque.

, , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest