Love, Despair and Longing

love-despair-and-longing

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA  | PETER EMANUEL GOLDMAN

As miñas fotografías directas, reaparecidas milagrosamente despois de 50 anos dentro dunha caixa que me foi enviada desde París, seméllanse ás miñas películas nalgúns aspectos e difiren noutros. Case todas elas foron tiradas mentres filmaba Echoes e durante o ano seguinte, antes de facer Pestilent City, The Sensualists e Wheel of Ashes en París. Algunhas delas foron escenificadas coma se dunha película se tratase –rostros e planos de desexo e soidade–, mentres que outras eran fotos de amigos, coñecidos e noivas; así como de escenas de rúa e xente en Greenwich Village, sobre todo pola noite.

Que é o que fai que unha fotografía sexa boa? En primeiro lugar é algo que che fai querer mirar e seguir mirando. Non é só o que está na fotografía, senón tamén o que non está. Unha boa foto é unha especie de misterio, coma se nela estivesen a suceder moitas máis cousas das que podemos ver. Mentres unha película representa unha escena, o espectador dunha fotografía ten que crear a súa propia historia. O tema e a composición reflicten o ollo interior do fotógrafo. A composición, a luz, o tema, os rostros… cando todo isto se aliña da maneira xusta, fai que a fotografía sexa excelente.

En 1961, mentres estaba no metro de París lendo unha crítica sobre os poemas de Boris Pasternak, decateime de que non quería ser un académico e escribir sobre a obra doutros (estudaba Historia na Sorbona e tiña pensado graduarme en Berkeley ao ano seguinte). Souben entón que quería ser artista, e aínda que non sabía nin como nin a través de que medio, tiña a certeza de que quería crear. O cinema e a literatura convertéronse nas miñas maiores áreas de expresión, pero a fotografía tamén foi moi importante para min. Só agardo que miredes estas fotografías e continuedes mirándoas. Á fin e ao cabo elas son un reflexo externo do meu eu interior.

Peter Emanuel Goldman

Como afirma o historiador e curador Jose-Antonio Navarrete, «o pequeno e compacto arquivo de negativos de Goldman introduce un capítulo descoñecido na historia da fotografía estadounidense desde os comezos ata mediados dos anos sesenta e inmediatamente posteriores. Sexo, amor, desexo, paixón, drogas, vida nocturna, tristura, desesperación e soidade teñen o seu lugar neste arquivo. Unha sensibilidade próxima á de Goldman non aparecería na fotografía ata a década seguinte con Nan Goldin, a fotógrafa da «dependencia sexual».

Esta exposición fotográfica, que se presenta en España por primeira vez en Play-Doc, foi posible grazas á colaboración de ArtMedia Gallery.

Sala de Exposiciones | Teatro Muncipal da Área Panoramica – Tui

Tui