LÍMITES MANIFESTA – PERFORMANCE

limites

Límites, Corpo Colectivo Transfronteirizo, así se define esta iniciativa que reúne propostas e artistas de diferentes disciplinas como a videoarte, a música, a ilustración, a danza, a poesía ou a performance. Todos os proxectos que conforman o colectivo ofrecen unha aposta cara a indagación e experimentación, transitando e atravesando os límites. O obxectivo do grupo é crear colaboracións e sinerxias conxuntas, apoiándose nun marco de acción común, así como reivindicar esas outras formas de expresión artística que non encaixan nos marcos habituais.

Límites quere presentar o seu manifesto a través do corpo en acción, tanto no plano real coma no virtual. Exhibirase como un corpo fragmentado en secuencias de células que, á vez, non poden desligarse do organismo colectivo. Un corpo que se move no entre, na metade dun camiño vasto onde as marxes se entrecuzan e se dilúen. Un corpo que procura a indefinición, que está vivo, e ao que se irán sumando e rectificando retallos sen que chegue a ser nunca un ente completo etiquetable e consumible, senón a manifestación dun proceso en constante transformación.

A proposta que veremos en Play-Doc consiste nunha videocreación experimental que establecerá un diálogo cunha intervención escénica. Unha sorte de filme vivo e efémero.

A peza xirará arredor do concepto de corpo e o papel que xoga na sociedade, a posibilidade de crear un corpo novo, non normativo. Reflexiona sobre o cambio de significado que a pandemia do Covid 19 verqueu sobre o corpo: pasa de ser obxecto de desexo a ser un corpo que contaxia, marcado pola distancia, a ausencia de tacto e a profilaxe, a desinfección.

A proposta escénica en directo consistiría nunha coreografía musical, vocal e de danza contemporánea, xogando coa disposición de intérpretes no espazo e na súa intervención co que acontece na pantalla, que incluirá videoarte con pezas tamén de artes plásticas; e así, multiplicar as súas capacidades: o corpo cotián, o corpo expresivo, o corpo virtual, o corpo que acciona. Corpos transformados e atravesados polas diferentes disciplinas, amosando todas as súas potencialidades.

ENTRADAS