HOMENAXE A OZUALDO CANDEIAS E ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS O DOMINGO 29

28 Abr 2018
Ozualdo-Candeias_1

O cine de Peter Emanuel Goldman e dos brasileiros Ozualdo Candeias e Aloysio Raulino protagoniza a xornada do domingo, na que se entregarán ademais os premios de Play-Doc 2018. O cineasta neoiorquino Peter Emanuel Goldman, xa centro de atención onte co arranque da súa primeira retrospectiva integral, terá un encontro co público aproveitando a proxección do material perdido de The Sensualists. Empeza a homenaxe do festival a Ozualdo Candeias, co filme Aopção ou As Rosas da Estrada, e continúa a retrospectiva de Aloysio Raulino, outros dos nomes en maiúsculas desta edición. Un domingo no que ademais veremos unha película en competición, Lamaland de Pablo Sigg, e La Noire de… unha xoia do cinema africano incluída no ciclo (Anti)heroínas. Pola súa parte, o cineasta galego Eloy Enciso pecha os “procesos” de 2018 contándonos os segredos da construción do seu último proxecto: Longa Noite.

Peter Emanuel Goldman e a súa obra continúan a ser o foco de atención o domingo en Play-Doc tras a xornada do sábado na que puidemos ver o título máis emblemático do cineasta neiorquino: Echoes of Silence. En 1965, Goldman filma The Sensualists (1965), un filme erótico no que o autor parodiaba os grandes nomes do cine do momento: Godard, Truffaut, Bertolucci. Incomprendida pola produtora polo seu carácter artístico e experimental, a película, sobre a que o director Brian de Palma fixo unha divertida reseña no Village Voice, foi exhibida por última vez en 1968. Play-Doc en colaboración coa Cinemateca Francesa recupera agora o material perdido de The Sensualists. Non se nos ocorre mellor pretexto para organizar o encontro do píublico co autor no 14º Play-Doc.

Xa en Francia roda Wheel of Ashes (1968), protagonizada por Pierre Clémenti e que foi seleccionada nalgúns dos mellores festivais de cine do momento como o de Venecia, ao redor dun mozo perturbado e atormentado, que se illa do mundo coa esperanza de atopar a Deus a través do misticismo oriental. O domingo en Play-Doc.

Lamaland e entrega de premios
Tras formar parte da sección oficial do festival de Cine de Rotterdam chega a Play-Doc dentro da sección competitiva o singular filme “Lamaland (Teil 1)” do mexicano-suízo Pablo Sigg para estrearse en España; un documental realizado en Nueva Germania (Paraguai) cos sobrevivintes directos da comunidade utópica fundada a finais do século dezanove pola irmá de Nietzsche, Elisabeth Förster-Nietzsche no sur da Amazonia. O domingo 29 na noite terá lugar a entrega de premios do festival cuxo xurado deste ano está formado polo crítico e programador arxentino, Roger Koza, a responsable de programación da Cinemateca Francesa, Caroline Maleville, e a directora de programación da plataforma MUBI, Chiara Marañón. Enviaremos nota de prensa embargada na tarde do domingo cos premios do festival.

Homenaxe a Ozualdo Candeias
Play-Doc rende homenaxe a Ozualdo Candeias, pioneiro no “cinema marginal” do seu país, do que se cumpre o centenario do seu nacemento. Fillo de labregos, o seu currículum antes de tornar a cineasta pasou polo agro, os taxis, a metalurxia ou os camións. Un dos máximos expoñentes do cinema de autor brasileiro, comeza a facer cine amateur nos anos cincuenta e foi un dos primeiros en filmar en Boca de Lixo, unha área de São Paulo coñecida pola súa marxinalidade, inaugurando un movemento que atoparía inspiración nesta zona e que a convertiría en base do cinema independente de Brasil. O prestixioso festival BACIFI, que celebrou en Buenos Aires a súa edición número vinte este mesmo mes de abril programou en 2018 a primeira retrospectiva internacional de Candeias. En Aopção ou As Rosas da Estrada (1981), Candeias baséase en experiencias persoais para denunciar a difícil situación de explotación laboral das mulleres campesiñas, que cortan cana de azucre e malviven en destartalados barrios ao longo da autoestrada.

O domingo 29 máis cinema brasileiro en Play-Doc coa proxección de Serras da Desordem de Andrea Tonacci con fotografía de Aloysio Raulino, en retrospectiva este ano en Tui. Escapando do masacre da súa tribo Awa-Guajá en 1978, Carapiru vivirá errante e só polas serras do centro de Brasil, ata que 10 anos máis tarde será atopado a 2.000 km de distancia do lugar de onde fuxiu. Andrea Tonacci xunto a Carapiru reconstrúe esta odisea mediante recreacións e material de arquivo.

(Anti)heroínas: de Senegal a Francia
O cuarto título do ciclo (Anti)heroínas proxéctase o domingo. Realizada por Ousmane Sembène, “o pai do cine africano”, en 1966, La Noire de…pasou á historia como a primeira película realizada por un director negro na África subsahariana, e en ter a unha muller como protagonista. A medio camiño entre a narración tradicional africana, o neorrealismo e o cine experimental, esta moi celebrada ópera prima que relata as desventuras dunha moza senegalesa que vai a Francia a traballar no coidado dunhas crianzas, obtivo o prestixioso galardón Jean Vigo o ano da súa estrea. A pesar de restaurarse en 2015, este clásico continua sendo un grande descoñecido para o público xeral.

Eloy Enciso, en proceso
O cineasta Eloy Enciso pecha a triada de realizadores que explican neste 14º Play-Doc os seus procesos creativos ao público. Se o venres foron Oliver Laxe e Lois Patiño quen contaban os seus segredos e referencias á audiencia, o domingo será Enciso quen fale do seu proxecto en construcción Longa noite. Un filme persoal sobre a memoria, represión e posguerra con textos de autores como Luis Seoane ou Ramón de Valenzuela. Segundo Beli Martínez, programadora de cinema galego no festival, nestas sesións “os directores convértense en programadores e convidan a compartir eses pequenos documentos e traballos que dalgún xeito marcarán o seu camiño”.

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest
Tui