FILMAR O PROPIO

filmar_o_propio_page

Taller de cinema impartido por Eloy Domínguez Serén

 

De que maneira afectaron estes xa dezasete meses de pandemia á maneira en que nos relacionamos coa nosa contorna? Resultaron as medidas sanitarias, as restricións de mobilidade e a distancia de seguridade unha deterioración do vínculo que mantemos cos nosos veciños e veciñas ou, pola contra, contribuíron dalgunha maneira para estreitalos? Mudou significativamente a maneira en que nos achegamos aos nosos concidadáns?

Nun momento de transformación como este, o cinema ten a extraordinaria capacidade de capturar a cotiandade dos nosos días, retratar as relacións entre a veciñanza e compartir o resultado destas experiencias, a través de imaxes e sons, coa nosa comunidade.

Este taller convida os veciños de Tui e arredores a reflexionar sobre a súa contorna, animando a cada participante a realizar unha breve peza audiovisual na que elabore un retrato ao mesmo tempo persoal e colectivo, do espazo no que habita un mesmo e a súa comunidade. A través destas obras preténdese compartir unha visión particular dos barrios, da vila, dun lugar emblemático, un punto de encontro, un negocio local representativo ou mesmo dos círculos afectivos e familiares máis próximos.

As películas resultantes deste taller presentaranse durante a celebración de Play-Doc.

ENTRADAS