Noticias

Dúas xoias cinematográficas ocultas durante case catro décadas verán a luz en Play-Doc 2021

5 Ago 2021
sepa still

O suízo Walter Saxer, produtor de Werner Herzog, acudirá ao festival de cinema para presentar unha película inédita en España
Tamén se poderá ver en exclusiva Amerasia, a última obra recuperada do cineasta alemán Wolf Eckart Bühler

 

Tui, 5 de agosto de 2021.- Play-Doc avanza novidades sobre a programación da que será a súa 17ª edición e que se celebrará en Tui do 22 ao 26 de setembro. Ademais das primeiras retrospectivas españolas dos norteamericanos Manfred Kirchheimer e Bette Gordon, no festival deste ano poderanse ver dous verdadeiros descubrimentos cinematográficos: dúas películas nunca antes vistas no noso país e que foron realizadas na década dos oitenta.

A primeira delas leva por título Sepa: Nuestro Señor de los milagros (1987) e está dirixida polo suízo Walter Saxer, coñecido por ser o produtor dunha das producións máis difíciles da historia do cinema:  Fitzcarraldo (1982), do realizador alemán Werner Herzog e gañadora da Palma de Ouro á mellor película en Cannes. Sepa era o nome dunha colonia penal ao aire libre creada en 1951 polo goberno de Perú como parte dun programa de colonización do Amazonas, cuxo obxectivo era o de promover a agricultura entre os presos no medio da selva peruana. É precisamente durante a rodaxe de Fitzcarraldo onde nace esta perturbadora película, xa que Saxer descubrirá este presidio de camiño ao lugar desde onde debía partir o famoso barco de vapor que aparece na película de Herzog.

Sepa: Nuestro Señor de los milagros –a única obra de Saxer como director e en cuxa narración participou tamén o escritor e Premio Nobel de Literatura, Mario Vargas Llosa–, supón o único documento visual desta penitenciaría experimental da que practicamente non existen vestixios. Esquecida durante 34 anos, esta película reflexiona sobre os conceptos de xustiza, crime, castigo e redención, e sobre a filosofía detrás desta singular cárcere na que os presos camiñan libres e viven xunto ás súas familias, abandonados á súa sorte no corazón da asfixiante selva amazónica.

Walter Saxer, o cerebro e brazo executor das producións máis difíciles de Werner Herzog -ademais de Fitzcarraldo, tamén produciu Aguirre, a cólera de Deus (1972), O enigma de Gaspar Hauser (1974) ou Nosferatu, vampiro da noite (1979), entre outras. O cineasta impartirá en Tui unha clase maxistral moi especial na que compartirá as súas experiencias no mundo do cinema, falará dos seus traballos con Herzog ou Klaus Kinski, de como se produce unha película baixo as condicións máis extremas e, entre outras cousas imposibles, de como subir un barco a unha montaña.

Outra das sorpresas desta edición de Play-Doc será a exhibición da última película recuperada polo Filmmuseum de Munich do singular realizador alemán Wolf Eckart Bühler, recentemente falecido, e a quen Play-Doc dedicou unha pequena retrospectiva no 2019. O propio Bühler presentou entón o seu extraordinario díptico sobre o actor norteamericano Sterling Hayden, coas excelentes Der Havarist (1984) e Leuchhturm des Chaos (1983). Nesta ocasión, a súa viúva  Hella Kothmann acudirá de novo a Tui para acompañar a estrea española de Amerasia (1985), considerada por moitos críticos como a súa mellor película.

 

A medio camiño entre o documental e a ficción, Amerasia segue o regreso ao sueste asiático dun ex combatente da guerra de Vietnam, na súa procura dunha nena non desexada, como tantos outros fillos nados de soldados norteamericanos, nunha especie de versión persoal de Bühler de  Centauros do deserto (1956) de John Ford.

Wolf Eckart Bühler foi un viaxeiro infatigable, un crítico magnífico e un cineasta extraordinario que exerceu sen dúbida unha grande influencia, aínda que subliminar, na cultura cinematográfica alemá. Porén, Bühler foi un gran descoñecido para a historia do cinema. Cómpre salientar que lle gustaba escribir, precisamente, sobre cineastas que durante moito tempo foron esquecidos, como Irving Lerner, Leo  Hurwitz ou mesmo Jacques Tourneur.

Neste sentido, o labor de recuperar, redescubrir e reivindicar a obra de realizadores como Wolf  Eckart Bühler, Walter Saxer, Manfred  Kirchheimer ou Bette Gordon, foi sempre un dos desexos do festival galego. Ao longo da súa traxectoria, Play-Doc destacou a importancia de moitos cineastas perdidos, descoñecidos, esquecidos ou censurados, como o norteamericano Peter  Emanuel Goldman, o cubano Nicolás Guillén Landrián, o polaco Bogdan Dziworski ou os brasileiros Ozualdo Candeias e Aloysio Raulino, entre outros.

Share

Facebook Twitter Pinterest