DOMINIC GAGNON PROTAGONIZA UNHA NOVA XORNADA DE PLAY-DOC

23 Mar 2017
Dominic

− O controvertido director franco-canadense presenta as súas primeiras películas no festival, que lle dedica unha retrospectiva e na que dirixe o ciclo Cinema Direct

− Comeza a sección oficial con El futuro perfecto e Omar y Gloria e segue adiante o ciclo de cine galego con dúas novas obras

Play-Doc Festival Internacional de Cine Documental segue adiante con Dominic Gagnon como protagonista. O controvertido director franco-canadense, ao que este ano se lle dedica unha retrospectiva e que programou a sección Cinema Direct, atópase desde este mércores en Tui, sede do festival, que hoxe proxectará as súas obras Of the North e Pieces and Love All to Hell. Tamén continúa a sección Cine Galego, cos documentais Manuel Vilariño. Ser Luz, de José Manuel Mouriño, e Una vez fuimos salvajes, de Carmen Bellas, e exhibiranse as primeiras películas a competición: El futuro perfecto, de Nele Wohlatz, e a estrea mundial de Omar y Gloria, de Jimmy Cohen.

Tras a inauguración o mércores do festival –que se prolongará até o domingo –, con o clásico do cincuenta On the Bowery e a estrea mundial de O equilibrio dos opostos, de Alberto Baamonde, dentro da sección Cine Galego, Play-Doc avanza cun programa variado, que se completa cos talleres que enchen as mañás de actividade na área Panorámica de Tui, sede do festival. Todo iso despois dunha xornada de apertura marcada pola gran asistencia do público, que encheu a sala principal nas dúas películas. Un ano máis, e van 13, Play-Doc confírmase como un evento capaz de achegar un xénero minoritario como o cine documental a un público cada vez máis amplo.

Coma se fose un antropólogo da web, Gagnon interésase polos vídeos anónimos que a xente colga en YouTube, a modo de desesperadas mensaxes nunha botella lanzadas ao ciberespazo. Ao trasladalas da pantalla dun computador á dunha sala de cine, o director crea unha especie de comunidade, na que estas voces solitarias dialogan entre si e adquiren un novo significado. O resultado é unha abafadora análise da sociedade contemporánea, chea de elementos tragicómicos, entre a solidariedade e a provocación.

Pieces and Love All to Hell, que hoxe se proxecta, forma parte da súa triloxía americana, un inquietante retrato dos demos que perturban ás masas anónimas de Estados Unidos, un país afectado por vellos prexuízos e novos odios; un paseo salvaxe e subversivo entre medos suprimidos, fantasías paranoicas, historias de chiflados e lúcidas valoracións do futuro, que parece vaticinar a vitoria electoral de Dondald Trump

Mostrada na edición anterior do festival, Of the North é unha resposta ao clásico do cine documental de Robert Flaherty Nanook of the North. Realizada así mesmo con metraxe de internet e vídeos de YouTube, ofrece unha imaxe crúa dos esquimales, afastada daqueloutra idealizada por Flaherty un século atrás. A obra desatou unha enorme polémica no seu país de orixe, facendo que a obra de Gagnon sexa vetada en festivais e salas de cine.

Dentro do ciclo de Cine Galego, este xoves proxéctanse unha película como Manuel Vilariño. Ser luz, que profunda no traballo do premio nacional de fotografía, e unha estrea mundial, Una vez fuimos salvajes, unha conversación imaxinaria entre a autora Carmen Bellas e o barrio de San Cristóbal, nos arrabales de Madrid.

Para completar o programa deste xoves exhibirase El futuro perfecto, de Nele Wohlatz, premio á mellor ópera prima do festival de Locarno. Wohlatz xa se presentou en 2014 en Play-Doc con Ricardo Bär, tamén en competición, unha película que codirixiu con Gerardo Naumann. Esta nova obra baséase na experiencia real de Zhang Xiaobin, quen se encarnou a si mesma no rol de protagonista. É a historia do choque cultural que lle produciu a súa chegada a Arxentina con 17 anos e sen falar unha palabra de español.

Omar y Gloria, da sección oficial, é a segunda obra do realizador experimental mexicano Jimmy Cohen, que é tamén videoartista e músico. Os dous protagonistas da película son unha nai octoxenaria e o seu fillo que bailan danzón desde fai máis de 15 anos e rexístrano en vídeo como cineastas afeccionados. Juntos danlle vida a unha historia única que se conta a través da música dos salóns de baile, dos seus recordos e dos 11 pasos que marcan un bo danzón.

 

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest