Convocatoria Aberta

27 Set 2017
PlayDoc-24-03-17-tarde-30

Play-Doc, Festival Internacional de Documentais abre a convocatoria para participar na súa décimo cuarta edición

Todos aqueles que desexen participar na próxima edición do certame deberán enviar os seus traballos antes do  15 de xaneiro de 2018.

Un ano máis, Play-Doc, Festival Internacional de Documentais, abre a súa convocatoria para participar nunha nova edición que se celebrará do 26 de abril ao 1 de maio de 2018. Situado na cidade de Tui, en Galicia, Play-Doc reúne cada ano unha serie de programas competitivos e non competitivos, retrospectivas e programas especiais, ademais de seminarios, clases maxistrais, charlas, concertos en directo, exposicións e obradoiros.

Ao longo de 13 anos o festival tudense logrou construír e manter un modelo de festival atípico, creando un público multitudinario e diverso, e ofrecendo, pola primeira vez no noso país, retrospectivas de verdadeiras lendas do cinema, -como os irmáns Maysles, Artavazd Pelechian ou Charles Burnett, quen recibirá este ano 2017 un Oscar honorífico-, así como retrospectivas dedicadas a directores de culto, málditos, descoñecidos, censurados ou polémicos, -como o cubano Nicolás Guillén Landrián, o polaco Bogdan Dziworski ou o francocanadiense Dominic Gagnon-, gañando prestixio e un nome propio no panorama internacional de festivais.

Ademais de reunir cada edición as últimas tendencias do cinema documental de todo o mundo, Play-Doc mantén un forte compromiso co cinema galego, dedicándolle unha parte importante dentro da súa programación.

Así mesmo o festival comprácese en anunciar unha colaboración de luxo, a de Gustavo Beck, realizador, programador e crítico de orixe brasileira. Beck que traballa como programador para prestixiosos festivais como Cinéma du Réel Festival International de Films Documentaires en Paris, RIDM, Rencontres Internationales du Documentaire de Montréal en Canada ou Rotterdam International Film Festival, nos Países Baixos, entra agora a formar parte do comité de selección e equipo de programación de Play-Doc 2018.

 

BASES 2018

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest