Cinema Galego

a-imaxe-reb-velada

A IMAXE REB/VELADA

Andrea Vázquez, 65', 2015, España
Dirección: Andrea Vázquez García
Produción executiva: Miramemira, Carmen Rico Coira, Antonio Polín Pérez
Produción: Miramemira
Guión: Andrea Vázquez García, Carmen Rico Coira, Damián Varela Pastrana
Dirección fotográfica: Damián Varela Pastrana
Montaxe: Miramemira
Son: Soundtroop

En febreiro de 2008, a familia de Carmen e Toño recibe un correo electrónico moi sorprendente. Nel, un familiar afastado volvíase poñer en contacto con eles tras corenta anos de silencio.

Contacto:
Miramemira
andrea@miramemira.com

contrafaces

CONTRAFACES

Fon Cortizo, 74', 2015, España
Director: Fon Cortizo
Guión: Álex Cancelo, Fon Cortizo
Operador de cámara: Javier Álvarez
Música: David Regueiro
Producida por: Asombra Cinema
Con: Erin Moure, Elías Knorr, Iolanda Zúñiga, Elías Portela, Chus Pato, Fran Alonso

A canadiana Erin Moure descubriu ás súas orixes galegas hai 20 anos o que rematou por cambiar a súa vida e a súa poesía. En Islandia, Elías Knörr é un recoñecido poeta. Durante anos conseguiu manter oculta a súa identidade, agora explora novos camiños de creación. Iolanda anda na procura da súa propia voz dende que descubriu que algúns dos seus poemas xa foran escritos noutros idiomas. Ninguén parece saber quen é Elisa Sampedrín pero ela sigue escribindo e influíndo a creadores en diferentes partes do mundo.

Contacto:
info@contrafaces.com

den-pobedy

DEN POBEDY: DÍA DA VICTORIA

Alberto Lobelle, 37', 2015, España
Dirección, produción e montaxe: Alberto Lobelle
Produción asociada: Xurxo Chirro
Material de arquivo: Anonym, People of Mariupol
Edición de son: Oskar Lopez
Deseño gráfico: Raquel Castro

O “Den Pobedy” (Día da Victoria) é un dos días máis importantes na maioría das ex-repúblicas soviéticas. Ten lugar o 9 de maio e nel conmemórase a victoria da U.R.S.S. sobre a Alemaña nazi na Gran Guerra Patriótica (1941-1945), rendendo homenaxe aos veteranos e aos máis de 26 millóns de caídos no bando soviético.

Kalinichenko Vasily Porfirievich combateu na terceira Fronte Ucraniana e na primeira Fronte Bielorrusa do Exército Vermello. Como membro do 226º Rexemento de Infantería, entrou en Berlín o 22 de abril de 1945. Este documental trata sobre a guerra, sobre el e a súa familia.

Contacto:
contacto@albertolobelle.com

eco

ECO

Xacio Baño, 20', 2015, España
Director: Xacio Baño
Guión: Xacio Baño, Xose Barato, Rocío González.
Reparto: Xosé Barato,Rocío González
Imaxe: Lucía C. Pan
Son: Xoan Escudero
Arte: María Zaragoza
Empresa produtora: Rebordelos

A Eco quitáronlle a voz e condenárona a repetir o que dicían os demais. Anulada, decide refuxiarse nunha cova e afastarse do trato humano.

Contacto:
info@rebordelos.com

freedom-to-kill-the-others-children

FREEDOM TO KILL THE OTHER’S CHILDREN

David Varela, 31', 2016, España
Cámara, edición e dirección: David Varela
Produción e son directo: Lola Martínez, David Varela
Mestura son: Sergio López-Eraña
Posprodución vídeo: Flavio G. García

Gilad Shalit, un soldado das forzas armadas de Israel, foi capturado en 2006 por milicianos de Hamas e mantido prisioneiro durante cinco anos ata a súa liberación a cambio de 1.027 prisioneiros palestinos. Esta é a visión da historia de alguén que estivo cun pe a cada lado e máis tarde reviviuna a través dos medios.

Contacto:
davidvarelaalvarez@yahoo.es

os-dias-afogados

OS DÍAS AFOGADOS

César Souto, Luis Avilés, 86', 2015, España
Fotografía: David Rodríguez Muñiz
Música: Fabio González
Montaxe: Cristina Liz
Cámaras: Armando Duarte, Jesús Santos, Mayra Hernández
Produtor executivo: Iván Patiño
Produción: Amanita Films

En 1992, a construcción do encoró de Lindoso (Portugal) anegou para sempre as aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense, Galicia). Os seus habitantes nada puideron facer para salvar a súas terras nin os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, varios veciñoos colleron a súas cámaras domésticas e comezaron a grabar. As súas imáxes, grabadas desde mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares. Son, ao mesmo tempo, un acto de fe nas posibilidades do cinema doméstico para dar conta do tempo histórico que nos toca vivir. Alén do íntimo, revelanse como un retrato dos mecanismos cos que actúa o Poder. A tensión entre o existencial e o político, e entre o tempo pasado e a realidade presente, condicionan unha historia que se proxecta en múltiples sentidos máis alá de si mesma.

Contacto:
amanitafilms@gmail.com

ou-est-la-jungle

OÙ EST LA JUNGLE?

Iván Castiñeiras, 32', 2015, Francia
Dirixida, filmada, montada e producida por Iván Castiñeiras Gallego
Asistencia realización: Jorge Moneo Quintana
Dirección produción: Barbara Merlier
Produción: Studio National des Arts Contemporains Le Fresnoy
Son: Frederico Lobo, Miguel Moraes Cabral

Ao tempo que a expansión da cidade devora a selva, outra selva nace nas ruínas e memorias da propia cidade. Onde está a fronteira entre un espazo e outro?

Contacto:
ntrebik@lefresnoy.net

sin-dios-ni-santamaria

SIN DIOS NI SANTA MARÍA

Samuel M. Delgado e Helena Girón, 12', 2015, España
Dirección, guión e montaxe: Samuel M. Delgado e Helena Girón
Deseño sonoro e mestura: Juan Carlos Blancas
Reparto: Enedina Perdomo, Carmen Montero
Voces: Zacarías Campos Cruz, Luis Diego Cuscoy e Nazario Hernández Siverio

Como non había avións, a xente trasladábase por medio duns rezados dunha terra a outra e volvían cedo, antes do amencer. Nunhas antigas gravacións sonoras, as voces dos pastores falan dunha existencia mítica, de bruxas e de viaxes. No cotiá dunha muller materialízase a maxia dos seus relatos ao tempo que agarda a chegada da noite. A noite é o momento no que as viaxes son posibles.

Contacto:
samuelmdelgado@gmail.com

toutlemonde

TOUT LE MONDE AIME LE BORD DE LA MER

Keina Espiñeira, 17', 2016, España
Dirección: Keina Espiñeira
Guión: Keina Espiñeira e Samuel M. Delgado
Produtora: El Viaje Films
Produción: Lourdes Pérez
Fotografía: Jose Alayón
Montaxe: Samuel M. Delgado
Son: Raúl Espiñeira

Un grupo de homes espera nas marxes dun bosque costeiro para viaxar a Europa. Atópanse nun limbo entre o tempo e o lugar. Alí fílmase unha película na que documental e ficción entrelázanse constantemente. A paisaxe muda, onde están xa non é o seu fogar. Non hai praias bonitas, a auga non é transparente, non é clara. No bosque, contos do pasado colonial fúndense co presente estático.

Contacto:
keina.espineira@gmail.com

Cinema da diáspora e identidade galega

Non hai oposición real entre o galego e o “internacional”. E non cómpre recorrer a conceptos como o “glocal” para comprendelo. A dicotomía cultura galega/cultura “universal” só pode ser falsa nun país cuxa historia foi marcada pola emigración. E ata hoxe. Non é casualidade, por iso, que unha das achegas máis singulares de Galicia á cinematografía mundial fosen, entre os anos 10 e 50, as películas de correspondencia. Moreas de latas con filmacións encargadas polas sociedades galegas en América que viaxaban nos mesmos barcos que transportaban a emigrantes e retornados. Como non o é que Carlos Velo se convertese en quen foi tras marchar para México.

O cinema realizado aquén e alén mar ollou a emigración desde distintas perspectivas. Antes do 36 foi, moitas veces, a óptica folclórica a que se impuxo. A ditadura franquista encargouse de promover, despois, o clixé do emigrante triunfador. En América, desde as películas de correspondencia ata as producións de entretemento que proxectan o estereotipo do galego pailán contribuíron tamén a conformar o imaxinario sobre os galegos. Coa fin da ditadura abríronse novas visións. Nos 80 Chano Piñeiro gravaba Mamasunción e Sempre Xonxa. Mantívose, con estes e moitos outros filmes, unha tradición de cinema da emigración que atopou continuidade no Novo Cinema Galego -Vikingland de Xurxo Chirro ou Bs As de Alberte Pagán, por exemplo- e en producións coetáneas.

Mentres, cineastas da relevancia de Oliver Laxe continúan a desenvolver os seus proxectos noutros países. Mais, se algo caracteriza as miradas máis recentes é a -relativa- desdramatización da diáspora, xunto coa superación dos tópicos. Mostra diso é a cinematografía de Eloy Domínguez Serén. Sen vacas sobre o xeo é a frustración dunha xeración expulsada, -outra vez-, da súa terra. Mais tamén é a crónica da adaptación. Da experiencia que nos fai medrar. A imaxe reb/velada, de Andrea Vázquez e Damián Varela, é o dereito á memoria. A resignificación da vida de Baldo Pestana, o grande retratista. Contrafaces, de Fon Cortizo, indaga tamén na creación. Érguese sobre pares conceptuais como identidade-autoría. Mais o esencial non é a identidade do autor nin as súas circunstancias vitais, emigración mediante. É a obra. Non importa cal é a copia e cal o orixinal. Dualidades falsas. Como a que afasta a nosa cultura das “universais”. Nun pobo cuxa identidade non pode entenderse sen o recoñemento do Outro e no Outro. Ata que o Nós/Outros deixe de ter sentido.

por Montse Dopico

MESA DE DEBATE – DOMINGO 17 DE ABRIL – 17 HORAS (SALA DE PRENSA DE TEATRO MUNICIPAL)

Modera: Montse Dopico

Participan: Fon Cortizo, Eloy Domínguez Serén, Andrea Vázquez