Bruce Weber

bruce-weber

Retratos caleidoscópicos

por Boyd van Hoeij

Que podería levar a un fotógrafo a se facer realizador? Ou, máis en concreto, que podería levar a un fotógrafo famoso, autor de imaxes comerciais de humanos case perfectos impresas en papel satinado, a se facer documentalista, esa persoa que documenta a realidade, con toda a súa beleza, certamente, mais tamén con todas as súas incongruencias, as súas desagradables verdades e as cicatrices causadas polos duros golpes da vida?

No caso do fotógrafo e cineasta estadounidense Bruce Weber, a resposta a esta pregunta resulta fascinante e complexa. En tan só unha présa de longametraxes documentais, Weber non unicamente converteu a súa obra cinemática nunha extensión dos seus intereses temáticos e estéticos como fotógrafo —é imposible confundir os seus filmes cos de ninguén máis, mesmo se un só coñece a súa obra fotográfica—, senón que, ao mesmo tempo, ampliou en gran medida o ámbito das súas empresas artísticas.

As películas, que, en comparación coas fotografías, comportan as vantaxes engadidas do tempo, o movemento e o son, permitíronlle a Weber investigar con moita máis exhaustividade uns temas que xa estaban presentes na súa obra gráfica, como é o caso da masculinidade estadounidense. Abofé, podería argumentarse que os filmes factuais constitúen a expresión máis íntima e completa da visión do mundo que ten el como artista. Neles existe moita beleza, pero trátase dunha beleza exaltada porque, en tanto que documentalista, Weber dispón tamén de marxe para estudar a dor, a congoxa e as complexidades das belezas que expón.

Broken Noses, de 1987, a primeira longametraxe documental que fixo, é unha análise de Andy Minsker, antigo campión de boxeo que xestiona en Oregón un club do mesmo deporte dirixido a xente nova dotada de talento e potencial. Resultan inmediatamente recoñecibles algúns dos selos distintivos das icónicas fotografías de Weber; para empezar, a meirande parte do filme desenvólvese nun branco e negro granulado e brillante e, dun xeito moi semellante ao que ocorre co traballo fotográfico que o autor elaborou para marcas tamén icónicas como Calvin Klein e Abercrombie & Fitch, a cinta deléitase sen reparo na beleza masculina ata o punto de chegar ao homoerotismo; de feito, Minsker pasa case toda a película sen camisa. Abofé, se a un lle cadrase de coller un fragmento calquera de Broken Noses ao cambiar de canle, perdoaríaselle que pensase que se trataba dalgunha clase de anuncio de formato extenso.

Mais Minsker, mesmo sendo ancho de peito, de mandíbula forte e de boa condición física, non constitúe o modelo masculino típico que un poida imaxinar. Trátase dun home cuxa vida transcorreu entre tundas e mazaduras, e non só físicas. O eixo da longametraxe vén dado por unha conversa entre Andy e o seu vello, que tamén é antigo boxeador, durante a que falan da que probablemente fose a maior decepción que levou o primeiro en toda a súa existencia: non chegar ás Olimpíadas de 1984, talvez pola política racial. Dado que a seu pai, sendo novo, non lle permitiran viaxar ao estranxeiro a competir, existe certo sentido tráxico dunha historia que se repite, sentido que cristaliza en só unha conversa e que indica que estes homes, de orixe modestísima, literalmente loitaran por intentar alcanzar unha vida mellor, pero fracasaran. Mesmo así, tamén Andy segue a lles transmitir a súa paixón aos rapaces que se apuntan ao club de boxeo.

Esta maneira de profundar no punto onde se cruzan a sociedade estadounidense, a masculinidade, o orgullo e o destino é case que imposible de apuntar nunha fotografía soa (e tampouco sequera nun álbum). Weber sabe ben que non debe tentar estetizar este momento en concreto; a conversa probablemente sexa a toma máis simple de todo o filme, mais tal sobriedade, pola súa vez, eleva os fragmentos más líricos que se observan noutras partes, o cal indica que esta beleza tamén forma parte da vida dos que loitan, sempre que un saiba buscala. O que ao cabo xorde de aquí é o retrato plurifacético dun home que se encontra inserido no arco da historia, o intricado tecido social e unha serie de ideas complexas sobre a masculinidade, o talento, a oportunidade e a sorte.

Na película de máis sona de Weber, Let’s Get Lost, de 1988, indágase na vida do trompetista e cantante de jazz Chet Baker, mentres que no seu documental máis recente, Nice Girls Don’t Stay for Breakfast, se fai o propio coa do actor e cantante ocasional Robert Mitchum. En ambas as cintas, os protagonistas saen, claramente, moito mellor parados ca Minsker, mais iso non os torna menos complexos; se acaso, nas dúas faise patente que ser famoso comporta toda unha serie de oportunidades, pero tamén dificultades.

A loita de Baker contra as súas adiccións e o complicados que foron os derradeiros anos da súa vida póñense en contraste con outras versións máis temperás do personaxe, o rapaz de ouro do jazz, co seu aire a James Dean, que tiña por diante o que parecía ser un futuro moi prometedor. Na edición do filme, tanto no interior das secuencias como no referido á narración en xeral, percíbese unha forte inspiración jazzística, con riffs e notas que lle confiren calidez á atmosfera e que realzan o ritmo de principio a fin.

O mesmo tipo de edición se leva a cabo coa historia de Mitchum, cuxo apoxeo como actor se contrasta con material no que aparece el filmado nos seus últimos anos, antes do seu pasamento, coa diferenza de que as imaxes dalgúns dos seus papeis cinematográficos de máis sona aparecen ensambladas con obxecto de analizar tamén as moitas e complicadas facetas do seu carácter. Neste xeito calidoscópico de abordar a realización de documentais tense en conta a realidade da persoa a distintas idades case simultaneamente: os homes retratados existen en tanto que eu pasado, presente e futuro ao mesmo tempo, igual que o inimitable estilo de Weber está vinculado de forma ostensible ás lembranzas que temos das décadas de 1980 e 1990, malia que moitos dos elementos de que se vale —fotografía e cinematografía en branco e negro, música de jazz— afundan as súas raíces en períodos históricos anteriores.

A perspectiva calidoscópica que é tan típica da obra factual de Weber chega mesmo alén do mero emprego de material gravado en épocas diferentes. En toda a súa filmografía ensarta tomas e sons cargados de melancolía que por si sos non queren dicir moito pero que, no contexto da obra, evocan sensacións e lugares de distintos tipos. Os seus documentais non son biografías que conteñan feitos a secas, senón, máis ben, audaces evocacións jazzísticas de persoas que tentan transmitir o que sentían e o que lles fixeron sentir a outras; obras que versan sobre a inesperada traxectoria vital desta xente e sobre o pluridimensional e mesmo contraditorio da súa persoa. E, como dá a entender Weber, non só a través dos seus altibaixos, senón tamén a causa deles, había beleza na vida de todos.

 

broken-noses

BROKEN NOSES

Bruce Weber, 75'', 1987, EUA
Dirixido por Bruce Weber
Producción: Nan Bush, Steven Cohen, Kira Productions
Cámara: Jeff Preis
Montaxe: Phyllis Famiglietti
Son: John Boisseau
Música: Julie London, Chet Baker, Robert Mitchum, Danny Small, Gerry Mulligan, Joni James, Ken Nordine.

Broken Noses é a historia de Andy Minsker, un boxeador profesional ex-campión de peso lixeiro, e o seu pequeno club de boxeo para nenos en Portland, Oregon. Nela Minsker fálanos da súa carreira frustrada coa Asociación Olímpica Estadounidense de Boxeo e as súas loitas en Las Vegas, á vez que asistimos aos seus adestramentos cos rapaces, a maioría dos cales veñen de familias disfuncionais. Criado tamén nun fogar cheo de problemas e de abusos familiares, Andy dedica todo o seu tempo a axudar aos mozos aos que trata como aos seus fillos, tentando ser para eles o modelo a seguir que el nunca tivo. Nesta primeira longametraxe, fermosamente filmada e con deliciosa música de jazz, Weber deconstrúe os mitos da masculinidade, explorando a noción de macho.

lets-get-lost

LET’S GET LOST

Bruce Weber, 120'', 1988, EUA
Dirixido por Bruce Weber
Produción: Nan Bush, Little Bear Productions
Fotografía: Jeff Preis
Montaxe: Angela Corrao
Son: Maurice Schell
Música: Chet Baker
Con: Chet Baker, Carol Baker, Vera Baker, Paul, Dean e Missy Baker, Dick Bock, Willian Claxton, Hersh Hamel. Chris Isaak, Lisa Marie, Andy Minsker, Cherry Vanilla, Ruth Young

Os complicados últimos anos de Chet Baker, marcados pola súa adicción ás drogas, contrastan cos anos da súa mocidade, cando aínda era o mozo dourado do jazz cun aire ao James Dean e un brillante e prometedor futuro por diante. Chet «era malo, era un perigo e era fermoso». A película combina material de arquivo e entrevistas desoladoras con Chet Baker, así como con outros músicos, amigos, noivas, ex-mulleres litigantes e fillos, no que resultou ser o último ano da súa vida. Gañador do premio da crítica no festival de Venecia en 1988 e nomeado a un Oscar, Let’s Get Lost continúa sendo o mellor documental de jazz xamais feito sobre unha das máis grandes lendas do jazz de todos os tempos.

nice-girls-dont-stay-for-breakfast

NICE GIRLS DON’T STAY FOR BREAKFAST

Bruce Weber, 93'', 2018, EUA
Dirixido por Bruce Weber
Produción: Nan Bush, Eva Lindemann-Sanchez
Fotografía: Jim Fealy, Lance Acord ,Theodore Stanley, Franklin Stanley, Shane Sigler
Montaxe: Chad Sipkin
Son: Tom Fleischman, Richard Q. King
Música: John Leftwich
Con: Robert Mitchum, John Mitchum, Benicio del Toro, Al Ruddy, Clint Eastwood, Deborah Kerr, John Huston, James Brown, Luciano Pavarotti, Dr. John, Dean Martin, Johnny Depp, Julie London, Marianne Faithfull, Sarah Miles, Liam Neeson

A finais dos anos noventa, o fotógrafo e cineasta Bruce Weber conseguiu convencer a Robert Mitchum para que aparecese ante a súa cámara. Cando Mitchum faleceu en 1997, Weber deixou aparcado o seu amado proxecto e non foi até hai pouco que volveu retomar o material filmado. Mitchum –que antes de cumprir os 15 xa escapara de casa dez veces, ingresara en prisión e realizara traballos forzados–, actuou en máis de 130 filmes, principalmente películas de guerra, cinema negro e westerns, nas que sempre facía de tipo duro. Pero Robert Mitchum tamén foi unha persoa moi lida, que escribía poesía, e un grandísimo artista. Nice Girls Dont Stay for Breakfast (título tomado dunha canción de Julie London), non só é o retrato dun mozo malo con alma de poeta, senón tamén unha película sobre o envellecer dun símbolo sexual masculino. A través dunha serie de entrevistas co propio Mitchum, así como con amigos e admiradores, números musicais e material de arquivo, Weber móstranos a batalla interminable de alguén que pasou a vida enteira tratando de escapar de casa.

Tui