BRASIL NAS MARXES EN PLAY-DOC 2018: O CINEMA DE ALOYSIO RAULINO E OZUALDO CANDEIAS

27 Mar 2018
raulino web

A primeira retrospectiva dedicada ao brasileiro Aloysio Raulino (1947-2013) fóra do seu país terá lugar en Play-Doc 2018. Realizador nas marxes, brillante fotógrafo e cineasta singular hoxe recoñecido como unha voz única na cinematografía de Brasil, o festival de Tui acolle a obra dun cineasta de culto cuxo traballo constitúe unha xoia agachada. Brasil e o seu cinema terán especial protagonismo nesta décimo cuarta edición de Play-Doc, que tamén rende homenaxe a Ozualdo Candeias, pioneiro no “cinema marxinal” do seu país, do que se cumpre o centenario do seu nacemento. Play-Doc Festival Internacional de Documentais desenvólvese do 26 de abril ao 1 de maio. A organización do festival irá anunciando durante estas semanas previas toda a programación do mesmo.

Aloysio Raulino asinou boa parte dos seus traballos na década dos setenta. Malia ser estes uns anos prolíficos no cinema brasileiro, o certo é que a súa obra, fundamentalmente composta por curtametraxes, é pouco coñecida no seu país. Sen teses preconcebidas e con clara vontade de experimentación, Raulino encarna dalgún xeito o espíritu dos cineastas de vangarda dos anos vinte e trinta, cando todo parecía por descubrir no cinema e impúñase a invención de novas olladas e formas de produción. Preocupación social, poesía e certa dose de surrealismo danse a man nos seus filmes.

A retrospectiva de Aloysio Raulino programada no festival de Tui acolle títulos como “Lacrimosa” (1970), “Arrasta a Bandeira Colorida” (1970), “Jardim Nova Bahia (1971), “Teremos infância” (1974), “Tarumã” (1975), “O Tigre e a Gazela” (1977), “O Porto de Santos” (1978), “Noites paraguayas” (1982) e “Inventário da Rapina” (1985). O seu colega e discípulo Paulo Sacramento estará na 14ª edición de Play-Doc para presentarnos a súa obra da que sinala que “se ben hai pobreza e carencias retratadas en todos os seus títulos, en ningún deles existe o menor sinal de miseria”. En Play-doc 2018 poderemos ver ademais tres títulos nos que Raulino exerceu como director de fotografía e que son considerados filmes de grande relevancia no cinema de Brasil: “Braços cruzados, máquinas paradas” (1978) dirixida por Roberto Gervitz e Sérgio Toledo, “Serras de Desordem” (2006) dirixida por Andrea Tonacci, e “O prisioneiro da Grade de Ferro” (2003) dirixida por Sacramento, responsable de preservar e difundir a obra de Aloysio Raulino.

Boca de Lixo
“A margem”, primeira longametraxe de Ozualdo Candeias filmada en 1967, é a película precursora do cinema marxinal de Brasil e acadará o recoñecemento como mellor película dese ano polo Instituto Nacional do Cinema de Brasil. Este filme poderase ver en Play-Doc 2018, xa que o festival rende homenaxe ao director. Fillo de labregos, o seu currículum antes de tornar a cineasta pasou polo agro, os taxis, a metalurxia ou os camións. Un dos máximos expoñentes do cinema de autor brasileiro, comeza a facer cine amateur nos anos cincuenta e foi un dos primeiros en filmar en Boca de Lixo, unha área de São Paulo coñecida pola súa marxinalidade, inaugurando un movemento que atoparía inspiración nesta zona e que a convertiría en base do cinema independente de Brasil.

Ademais de “A margem”, o público de Play-Doc poderá ver “Aopção (ou: as rosas da estrada)” de 1981, que obtivo o Leopardo de Bronce no festival de cine de Locarno. Falecido en 2007, Candeias deixou atrás unha filmografía de trinta e tres obras; en case todas exerceu de director, guionista, cámara e montador. O prestixioso festival BACIFI, que celebra en Buenos Aires a súa edición número vinte a partir do 11 de abril como unha das máis importantes citas cinematográficas de América Latina, programa en 2018 a primeira retrospectiva internacional de Candeias. O Play-Doc de Tui, ten a honra nesta edición de contribuír ao coñecemento do seu traballo en España.

O equipo de Play-Doc síntese especialmente satisfeito de servir de plataforma de difusión da cinematografía de dous nomes singulares de Brasil, apenas coñecidos fóra do seu país. Un cinema comprometido coa súa contorna social e, vala a redundancia, co propio cinema; fuxindo de camiños doados, rompendo, innovando e creando pezas que desde as “marxes” son hoxe referentes do mellor cine de autor. Play-Doc 2018 celébrase do 26 de abril ao 1 de maio en Tui; tras abrir as inscricións para obradoiros e seminarios, anunciar a sección a competición e o Play-Doc Live! co concerto de Rubblebucket en exclusiva en España, o festival aínda ten moita programación que desvelar nos vindeiros días. Vémonos en Tui.

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest
Tui