ABERTA A CONVOCATORIA PARA PARTICIPAR EN PLAY-DOC 2019!!

6 Nov 2018
2

Todos aqueles que desexen participar na XV Edición do Festival deberán enviar os seus traballos antes do  15 de febreiro de 2019.

 

Play-Doc é un festival independente que se celebra na antiga e fermosa cidade de Tui, na fronteira entre España e Portugal. Cada ano Play-Doc presenta unha coidada selección de programas competitivos e non competitivos, así como de retrospectivas de realizadores mundialmente aclamados e tamén de directores de culto e independentes cuxa obra permaneceu descoñecida, censurada ou esquecida.

Entre os obxectivos do festival está o de xerar diálogo ao redor do cinema de ficción/non ficción, presentando e redescubrindo clásicos do cinema , mostrando as últimas tendencias de todo o mundo, e compartir a producción galega máis recente cunha audiencia diversa, numerosa e participativa.

Play-Doc continúa consolidándose como unha das citas cinematográficas máis relevantes dentro do panorama de festivais cinematográficos que se realizan en España, por el pasaron figuras mundialmente coñecidas como Albert Maysles, Artavazd Pelechian, Claire Simon, Charles Burnett, entre moitos outros.

Play-Doc é unha importante plataforma de promoción para o cinema independente e un espazo de encontro e intercambio ideal entre profesionais do sector e a súa audiencia. A programación do festival complétase con diversos ciclos e unha ampla oferta de actividades paralelas como obradoiros, clases maxistrais, encontros, seminarios, concertos, exposicións, etc.

A organización do festival convida a participar a todos aqueles realizadores e/ou produtoras que posúan os dereitos das obras que inscriban, sendo a convocatoria para películas de calquera duración, temática e nacionalidade, producidas despois do 1 de xaneiro de 2018.

Todos aqueles interesados en participar deberán presentar os seus traballos a través do formulario de inscrición online, antes do 15 de febreiro de 2019.

 

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest
Tui