Noticias

PLAY-DOC DESPIDE EDICIÓN O MARTES 1 FESTEXANDO O CINEMA DOMÉSTICO DE TUI

30 Abr 2018
CINEMA DOMESTICO NA PANTALLA

A pantalla do 14º Play-Doc botará o peche o martes 1 de maio cunha xornada de celebración da comunidade e do cinema doméstico, aquel feito no seu momento para o arquivo familiar e que, co tempo, revélase en interesantísimo documento social. Un programa de cercanía, o do martes 1, que celebra o Día do Cinema Doméstico, reúne por segundo día consecutivo o máis destacado do cinema galego de hoxe, ofrece a segunda oportunidade de ver a xoia do cine africano La noire de.. E poucas cousas unen máis á comunidade cunha boa verbena, así que o primeiro de maio ás 13h o Play-Doc trasládase ao paseo fluvial de Tui para convidar a veciñanza e público ao concerto de Esteban & Manuel, en colaboración con Sinsal SON Estrella Galicia.

O Dia do Cinema Doméstico é un evento cinematográfico que recupera e proxecta películas Súper 8 para lembrar as vivencias dos anos 60, 70 e 80. Tras localizar e dixitalizar 7.000 metros de película olvidadas en trasteiros e faiados de Tui, Play-Doc xunto á Cinematográfica e Cafés Candelas, organizan a proxección ás 20:30 dunha selección de materiais filmados durante aqueles anos. Unha oportunidade emocionante para reunir á comunidade e compartir as películas que retratan a historia familiar dos habitantes de Tui, dando a importancia persoal, histórica e social que merece o cine doméstico. Para a organización do festival, despedir esta edición ao redor dos habitantes de Tui e do seu cine é un motivo de alegría despois de meses de traballo e ilusión ao redor deste material fílmico.

A Cinematográfica encargouse nesta edición de Play-Doc de impartir dous talleres da artesanía do cine, para adultos e pequenos; os resultados do primeiro serán exhibidos tamén nesta xornada de clausura.

Cinema galego na xornada de peche
Se o luns vimos as curtas de Ángel Santos, Gonzalo E. Veloso e Adrián Canoura, o martes 1 o cinema galego volve a reunirse en Tui cun programa que inclúe a proxección de Os fillos da vide (2017) de Ana Domínguez (18:30), no que a autora introdúcese nunha viaxe que vai do persoal ao ancestral a través do ciclo da vida e das estacións: os viñedos, a vendima e o viño. Un ritmo artesanal, o da relación coa terra, co que a directora impregnou á construción da película.

Na sesión de curtas galegas do martes 1 de maio: O salvaxe leva o seu tempo (Oliver Laxe, 2018), “un retrato de seres indomables”, Nueva Galicia (Iván Nespereira, 2017), unha viaxe buscando o rastro dos migrantes europeos no Amazonas, e O fareiro de Sálvora (Gloria Vilches, 2017), na que a directora recolle a historia do seu avó, fareiro desde 1980 até a automatización do faro. Traballo moi acaído no Día do Cinema Doméstico, xa que Gloria Vilches acompaña o relato oral con imaxes amateur en Súper 8 da illa e do faro.

(Anti)heroínas

Se o luns 30 asistiamos á estrea española do magnífico clásico Streetwise (Martin Bell, 1984), o ciclo (Anti)heroínas ofrece o martes 1 unha segunda oportunidade de non perderse a proxección de La Noire de.. para quen non puidera vela o pasado domingo. Realizada por Ousmane Sembène, “o pai do cine africano”, en 1966, La Noire de…pasou á historia como a primeira película realizada por un director negro na África subsahariana, e en ter a unha muller como protagonista. A medio camiño entre a narración tradicional africana, o neorrealismo e o cine experimental, esta moi celebrada ópera prima que relata as desventuras dunha moza senegalesa que vai a Francia a traballar no coidado dunhas crianzas, obtivo o prestixioso galardón Jean Vigo o ano da súa estrea. A pesar de restaurarse en 2015, este clásico continua sendo un grande descoñecido para o público xeral.

Esteban & Manuel, verbena no paseo fluvial

Esteban & Manuel son un fenómeno da música que procede da Coruña. E este ano veñen á xornada de peche de Play-Doc co seu estilo de música tropical, que eles mesmos denominan cumbiatune. En colaboración con Sinsal SON Estrella Galicia, un evento irmandado con Play-Doc na súa vontade de descubrir talento creativo nun ambiente relaxado e coa proximidade do público, o festival de Tui presenta esta proposta de baile ao aire libre para o mediodía do martes 1 de maio, no paseo fluvial de Tui. Co seu primeiro disco “La banda sonora de tu día a día” (La Melona, 2017), Esteban & Manuel convertéronse nunha sorpresa non só no panorama musical galego, senón tamén fóra, especialmente tras o seu paso polo Monkey Week (Sevilla) o pasado ano. Sen complexos, estes dous amigos amantes da música latina con apariencia un chisco demodé, serán os encargados de traer a verbena ao 14º Play-Doc.

s

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest
Tui