OLIVER LAXE E LOIS PATIÑO COMPARTEN O VENRES 27 CO PÚBLICO A SÚA MANEIRA DE FACER CINE

26 Abr 2018
Pardi di domani Jury, Lois Patiño

O festival Play-Doc ofrece o venres 27 de abril un programa cheo de pratos fortes. Arranca a sección competitiva con The Waldheim Waltz da realizadora austríaca Ruth Beckermann, a retrospectiva do cineasta brasileiro Aloysio Raulino e dous cineastas galegos de referencia, Oliver Laxe e Lois Patiño, chegan ao festival para compartir o seu proceso de creación. Despois dunha xornada inaugural brillante o xoves, arroupada coa presenza de convidados e patrocinadores, o festival de Tui afronta a xornada do venres tomando o pulso ao mellor cine de hoxe e descubríndolle ao público xoias de culto, como Anna, o filme co que arranca o día en Tui, ou a obra mestra de Dennis Hopper Out of the blue.

Ambos títulos forman parte do ciclo (Anti)heroínas. Anna (1975) de Alberto Grifi e Massimo Sarchielli, é un documental italiano sobre unha adolescente drogadicta e embarazada de oito meses á que rescatan das rúas baixo o pretexto de facer un experimento social. Tras a súa estrea en Berlín, esta pertubadora e controvertida película, tivo un exitoso percorrido por festivais para despois permanecer oculta, por razóns pouco claras, durante máis de catro décadas. Restaurada en 2012, volveu a saír á luz para deixar tras de sí unha estela de asombro e polémica. É unha das catro películas que compoñen o ciclo (Anti)heroínas xunto a : La Noire de…(Ousmane Sembène, 1966), Out of the Blue (Dennis Hopper, 1980) e Streetwise (Martin Bell, 1984). Protagonizadas por mulleres, menores de idade, marxinadas e alienadas socialmente, comparten todas unha intensa cualidade de cápsula do tempo, non só por permanecer ocultas ou pouco coñecidas durante décadas, senón tamén por ser un vivo reflexo dos seus respectivos contextos históricos, socio-políticos e económicos.

O venres 27 máis (Anti)heroínas coa que está considerada a mellor película de Dennis Hopper Out of the Blue (1980), un dos relatos máis contundente sobre a era do punk rock. Este drama nihilista, que toma o seu título da canción My My, Hey Hey (Out of the Blue) de Neil Young, céntrase nunha adolescente obsesionada con Elvis Presley e o punk rock. A película está maxistralmente interpretada por Linda Manz e polo propio Hopper, quen exhibe unha das súas actuacións máis salvaxes e descontroladas. A pesar de causar unha grande sensación no Festival de Cannes en 1980, onde competiu pola Palma de Oro, a película apenas tivo distribución e caíu practicamente no esquecemento.

Oliver Laxe e Lois Patiño, en proceso
Tan interesante é ver unha película como achegarse ao proceso de creala, apunta a programadora de cine galego, Beli Martínez. O venres 27 de abril é momento para público e cineastas atoparense e o festival programa dous encontros con dous referentes do cinema galego: Oliver Laxe e Lois Patiño. A sección Tres Procesos -o terceiro vértice será Eloy Enciso- é un encontro aberto co público, no que os directores amosan imaxes dos seus novos traballos, aínda en construción, e dararnos a coñecer eses filmes e secuencias que dalgún xeito inspiran e acompañan nun momento decisivo. Oliver Laxe traballa no seu último proxecto: Aquilo que arde, o seu achegamento persoal ao fenómeno do lume en Galicia, e Lois Patiño, en Tempo Vertical, narración ao redor do misterio de tempo, espazo e movemento que acontece nunha vila galega.

Ruth Beckermann en competición
A consagrada realizadora austriaca Ruth Beckermann visita o 14º Play-Doc con The Waldheim Waltz e precedida de excelentes críticas, con este documental premiado no Festival de Berlín e que chega a Tui na era de Trump, dos feitos alternativos e da postverdade. A veterana realizadora céntrase na figura do seu compatriota Kurt Waldheim, ex secretario de Nacións Unidas (1972-1981) que ocultou dous anos da súa biografía como criminal de guerra, e para abordalo parte do seu propio e inxente arquivo de imaxes. Xunto a The Waldheim Waltz, participan na sección competitiva en 2018: Going South” (Dominic Gagnon), “Lamaland” (Pablo Sigg), “Terra Franca” (Leonor Teles) e “Les Unwanted de Europa” (Fabrizio Ferraro). As cinco películas, todas deste ano, estréanse en España en Play-Doc.

O xurado desta edición, recén chegado a Tui, está formado polo crítico e programador arxentino Roger Koza, a directora de programación da Cinemateca Francesa, Caroline Maleville, e a directora de programación de MUBI, cinemateca global en liña, Chiara Marañón.

Aloysio Raulino
A primeira retrospectiva dedicada ao brasileiro Aloysio Raulino (1947-2013) fóra do seu país ten lugar en Play-Doc 2018. O seu colega, colaborador e investigador Paulo Sacramento introducirá ao público neste realizador nas marxes, brillante fotógrafo e cineasta singular hoxe recoñecido como unha voz única na cinematografía de Brasil. O festival de Tui acolle a obra dun cineasta de culto cuxo traballo constitúe unha xoia agachada. O venres 27 proxéctanse as súas curtas: Arrasta a bandeira colorida (1970), Lacrimossa (1970), Jardim Nova Bahia (1971), Teremos infância (1974) e Tarumã (1975).

Raulino encarna dalgún xeito o espíritu dos cineastas de vangarda dos anos vinte e trinta, cando todo parecía por descubrir no cinema e impúñase a invención de novas olladas e formas de produción. Preocupación social, poesía e certa dose de surrealismo danse a man nos seus filmes. Sinala Paulo Sacramento que “se ben hai pobreza e carencias retratadas en todos os seus títulos, en ningún deles existe o menor sinal de miseria”. O cine de Brasil redondeará a súa presenza en Play-Doc 2018 coa homenaxe a Ozualdo Candeias, precursor do “cine marginal”, a partir do domingo 29.

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest
Tui