PLAY-DOC INAUGURA A 14ª EDICIÓN CUNHA VIAXE NO TEMPO POR TUI

24 Abr 2018
FOTO 3

Seis días para celebrar o cinema en Tui, no 14º Play-Doc que arranca o xoves 26 de abril ás 20:30h até o martes 1 de maio. Unha edición que medra un día respecto os anos anteriores e, nas palabras dos seus directores, “chea de filmes libres” a ser descubertos polo público. Coa obra do director estadounidense Peter Emanuel Goldman, referente do cine underground, como principal retrospectiva, Play-Doc convida a participar no acto inaugural o xoves 26 de abril ás 20:30 e mergullarse nunha viaxe no tempo a través das imaxes en súper 8 de Tui. Con musica en directo dunha banda de luxo formada específicamente para o evento, con Alex Toth, Jeremy Gustin e Ricardo Dias Gómez. Tras o acto inaugural, a película “Alberto García-Alix. La línea de la sombra” de Nicolás Combarro pon en marcha o décimo cuarto Play-Doc.

Recuperar e dixitalizar gravacións domésticas en Tui. Ese era o obxectivo do festival en colaboración con La Cinematográfica co convencemento do valor documental dese material en súper 8 filmado nos anos sesenta, setenta e oitenta. Imaxes gravadas, na casa e na rúa, coa única ambición de formar o arquivo familiar e que hoxe en día nos revelan historia, memoria e, tamén, moitas emocións.

Unha selección desas imaxes forma parte da montaxe visual coa que se inaugura o 14º Play-Doc, ao son dunha banda formada para a ocasión. Ricardo Dias Gómez, baixista de Caetano Veloso e un dos renovadores da escena musical de Rio de Janeiro desde os noventa, Jeremy Gustin, espectacular batería, que vimos en 2017 co seu dúo Star Rover e requerido por artistas como David Byrne ou Marc Ribot, e Alex Toth, trompetista e fundador de Rubblebucket, a banda de Brooklyn que actúa en exclusiva en Tui o sábado 28 de abril. Eles tres serán os encargados de que a viaxe no tempo por Tui a través do cinema doméstico sexa, aínda, máis emocionante.

Retrato de Alberto García-Alix

Alberto García-Alix, Premio Nacional de Fotografía 1999, é referente de toda unha xeración e un dos autores máis importantes do panorama fotográfico internacional. Nicolás Combarro é desde hai máis dunha década unhas das persoas máis próximas ao artista; a súa cercanía e amizade fixo posible estre retrato de García-Alix. O realizador galego presenta en Play-Doc o xoves 26 “Alberto García-Alix. La línea del tiempo“, unha película testemuña directa das luces e sombras que o artista tivo que atravesar para atopar o seu camiño. Narrada dende a intimidade do seu estudio, amosa unha viaxe entre presente e pasado, un diálogo entre a súa vida e a súa obra.

”Alberto García-Alix. La línea del tiempo,” que se presentou na pasada edición do Festival de San Sebastián, é a película escollida para a xornada inaugural de Play-Doc. Un dos dez títulos da sección de cinema galego que, nas palabras da programadora Beli Martínez, ”é neste momento o mellor embaixador da cultura en Galicia”. Ás proxeccións galega sumaranse os encontros cos cineastas Oliver Laxe, Lois Patiño e Eloy Enciso, que compartirán co público o proceso de creación dos seus proxectos en curso.

No acto inaugural do xoves 26 de abril estaremos acompañados polos nosos principais patrocinadores. No ámbito institucional, Concello de Tui, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia estarán representados no evento. Así mesmo estaremos acompañados por representantes de R, colaborador na Play-Doc TV!, e Estrella Galicia, sponsor dos concertos do festival.

 

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest
Tui