‘No Cow on the Ice’ e ‘Le terrain’ gañan Play-Doc 2016

16 Abr 2016
eloydominguez(por tamaradelafuente)

Play-Doc Festival Internacional de Documentais entregou hoxe os premios da súa duodécima edición. O galardón da sección oficial recaeu en No Cow on the Ice, de Eloy Domínguez Serén. O xurado composto polo crítico luso Nuno Lisboa, a directora do festival de Sarajevo Pravo Ljudski e a realizadora afroamericana Akosua Adoma Owusu decidiuse por esta película que “desprega as complexidades da realidade da que o cineasta é parte, ao tempo que busca a súa propia linguaxe cinematográfica”. Engade que Serén “desafía o cinema ao se enfrontar a problemáticas difíciles mediante decisións cinematográficas honestas”.

Pola súa banda, o xurado da crítica internacional CAMIRA, conformado por Mireia Iniesta (España), Raquel Schefer (Francia) e Luís Mendonça (Portugal), decantouse por Le terrain, de Bijan Anquetil. A cinta é o honesto retrato dunha comunidade xitana ao longo dun ano, á espera de ser realoxada noutro lugar.

Tamén se concedeu unha mención especial nesta categoría a Occidente, de Ana Vaz. A autora brasileira aborda neste traballo o colonialismo cunha metodoloxía poética e un tratamento estético moi vangardista.

O festival Play-Doc termina mañá, nunha xornada na que se poderán ver estas dúas películas premiadas, ademais de por a guinda ao ciclo do cineasta afroamericano Charles Burnett, entre outras proxeccións. Tamén haberá unha mesa redonda na que se reflexionará sobre a identidade galega no cinema, a través das películas e as palabras dos realizadores Andrea Vázquez, Fon Cortizo e Eloy Domínguez Serén.

, , , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest